PP e PSOE aproban unha moción de apoio á Policía Nacional e a Garda Civil
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O desafío independentista catalán ocupou boa parte do pleno ordinario de outubro da Deputación de Pontevedra. O asunto suscitou que o goberno provincial votase dividido xa que o Partido Popular e o Partido Socialista aprobaron unha moción de apoio á Policía Nacional e a Garda Civil, mentres que o BNG e Son Marea votaron en contra.
A iniciativa presentada polo PP mostra o seu apoio "sen fisuras" e respaldo "incondicional" á Policía Nacional e a Garda Civil "no seu labor de defensa e protección dos dereitos e liberdades de todos os cidadáns e, desde a legalidade constitucional, da soberanía nacional, o Estado de Dereito, a democracia e a convivencia entre españois" e ademais condénase "o acoso sistemático" que os seus membros están a sufrir "mediante actos violentos" en Cataluña durante o desempeño das súas funcións.
O debate non se centrou tanto no papel das forzas e corpos de seguridade do Estado como na "utiización partidista" que os populares fan da cuestión catalá, segundo coincidiron en sinalar os portavoces de PSOE, BNG e Son Marea.
Así, o deputado portavoz da coalición electoral Son-Marea, Xosé Lois Jácome, incluíu o seu apoio "aos Jordis como presos políticos" e o portavoz do BNG, César Mosquera criticou que o PP con esta moción pretende "respaldar a actuación do Goberno".
Pola súa banda, o representante socialista Carlos López Font asegurou que o seu partido apoia "categoricamente" á Policía Nacional e a Garda Civil e pediu ao Partido Popular que permitise a inclusión na súa iniciativa doutros argumentos reclamando a mellora das condicións laborais de todos os axentes de ambos os corpos. A inclusión desta proposta foi rexeitada polos deputados do PP.
Finalmente a presidenta da Deputación, Carmela Silva, pediu "desculpas" aos representantes da Policía e do instituto armado que acudiron ao salón de plenos para seguir este punto da orde do día "porque o debate derivou en algo que non se corresponde", unha circunstancia pola que dixo sentirse "moi triste e avergoñada".
NOVOS DEPUTADOS
Ao comezo do pleno tomaron posesión como novos deputados do Partido Popular: o portavoz do PP en Salceda de Caselas, Santiago Rodríguez; o alcalde da Lama, Jorge Canda; a concelleira do PP en Ponteareas, Belén Villar; e o ex alcalde de Moaña, José Fervenza. É unha substitución de tipo "reorganizativo" que provocou a saída da alcaldesa de Mos e ata agora portavoz do PP, Nidia Arévalo, xunto coa alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, e os ex alcaldes de Ponteareas e Cangas, Julio Alén e Enrique Sotelo.
A continuación gardouse un minuto de silencio en recordo das catro vítimas da vaga de lumes.
Relacionadas:
-
O SUP pide que o alcalde de Pontevedra sexa declarado persoa 'non grata' para a Policía Nacional
Por Redacción |
-
O PP traslada á Deputación a petición de apoio para as forzas e corpos de seguridade
Por Redacción |
-
O 'barco de Piolín' e o procés cóanse no pleno de Pontevedra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |