A Deputación poñerá a disposición dos concellos máis de 90 millóns de euros en axudas polos incendios
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao vicepresidente, César Mosquera, presentou este martes as medidas que a institución provincial pon en marcha ante a "terrible vaga de lumes" que se resumen na "posta a disposición dos concellos de máis de 90 millóns de euros", segundo explicou.
Carmela Silva apuntou que o executivo provincial impulsará "dúas grandes liñas de axudas". Por unha banda están unha serie de medidas relacionadas coa cooperación municipal e a prevención e, por outra, impulsarase un cambio de modelo na política forestal.
No primeiro apartado, de maneira inmediata modificarase unha cláusula nas bases do Plan Concellos 2017 para posibilitar que os municipios afectados poidan cambiar o destino dos seus fondos para acometer actuacións relacionadas cos incendios. Ademais adiantaranse as axudas do Plan Concellos dos seguintes anos 2018 e 2019 para que os gobernos locais poidan deseñar proxectos plurianuais con maior investimento e por tanto de maior envergadura.
Ademais enfocaranse con este destino os investimentos do Plan Revitaliza e axilizaranse os recursos destinados á liña de axudas de parques forestais.
Por outra banda, César Mosquera tamén apuntou que se encargará á Escola de Enxeñería Forestal que coordine a elaboración dun estudo en profundidade do monte e das áreas de actuación. Ademais traballarase de maneira transversal en todas os departamentos da institución provincial. "É un plan global onde todas as áreas da Deputación van estar actuando", destacou Silva.
Estas axudas supoñerán a recondución da actividade da Deputación con este propósito, coa posta a disposición dos recursos de 2017, 2018 e 2019.
"É un esforzo da Deputación absolutamente monumental", dixo Mosquera, "sobre todo por mostrar que se pode facer doutra maneira, que temos que coller outro camiño entre todos", xa que segundo o vicepresidente "a situación na que está o monte é o maior problema que ten Galicia".
Finalmente a presidenta Carmela Silva lembrou que o Goberno central aínda non declarou aos municipios danados en Pontevedra como "zona gravemente afectada", unha petición que o goberno provincial realizou a pasada semana.
Relacionadas:
-
A Deputación aproba axudas para crear novos parques forestais
Por Oskar Viéitez |
-
O novo Plan Concellos da Deputación é "a maior inxección de recursos da historia"
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación reedita o seu plan para abrir os montes ao público
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno provincial levará ao pleno unha modificación de crédito de 12,8 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno provincial modifica as bases do Plan Concellos para poder investir na reparación dos danos da vaga de lumes
Por Redacción |
-
Os alcaldes e voceiros do PP reclaman á Deputación unha "liña de axudas específica" para os concellos afectados polo lume
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva pide ao PP que "deixe de seguir a estratexia de confrontación que dicta Alfonso Rueda"
Por Redacción |
-
O PP cualifica de "estafa" as axudas da Deputación polos incendios
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta informa das axudas para reparación dos danos causados pola vaga de lumes
Por Mónica Patxot |