Ponte Caldelas convoca novamente os voluntarios para rematar a "operación mulching" este sábado
Por Redacción
A "operación mulching" de Ponte Caldelas remata este sábado pola mañá. O Concello de Ponte Caldelas volve acudir aos voluntarios que se anotaron durante a campaña da pasada semana para rematar o labor de esparexer palla polas zonas máis sensibles do monte queimado nos incendios do pasado día 15.
Quedan por repartir un total de 7 toneladas de palla das 30 adquiridas polo Concello. O traballo centrarase nas proximidades dos acuíferos de Chaín, Regodobargo, Barbudo e Parada, fundamentalmente. Son unhas 20 pacas que xa están sobre o terreo e que non foi posible completar durante a xornada do pasado sábado.
Segundo informaron fontes municipais se está xa a chamar ás persoas inscritas na bolsa de voluntariado, que serán divididas en dous grupos duns 30 participantes e que deben presentarse ás 9.30 horas do sábado na Casa do Pobo de Chaín ou no campo de fútbol de Cuñas, segundo se lles indique. Cada cuadrilla volverá estar dirixida por un coordinador que supervisará a calidade do traballo.
As previsións meteorolóxicas dan posibilidade de choiva para o sábado, pero o concello entende que "non é posible agardar moito máis se se quere mitigar a erosión por arrastre das cinzas". Só no caso de que a choiva sexa demasiado forte suspenderíase a xornada de "mulching".
O Concello organizará tamén un operativo, como xa sucedeu o pasado sábado, para levar bocadillos, froita e bebida a todas as persoas que colaboren.
O goberno local de Ponte Caldelas agradece a todos os voluntarios o seu compromiso e solidariedade.
Relacionadas:
-
Sementada unha tonelada de centeo nos montes queimados de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Unha sementeira de centeo para seguir tratando os montes queimados
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
60 voluntarios seguen "acolchando" os montes queimados de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Un exército de 200 voluntarios para reducir os efectos dos incendios en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Un cento de voluntarios para a 'operación mulching' de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Os expertos din que "non ten ningún sentido lanzarse a actuar" sobre o monte queimado
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |