A Deputación inaugura a primeira edición do coworking de Barro e o novo Depo FabLab
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, o deputado de Cooperación, David Regades, e o director da área de desenvolvemento de pemes da EOI, Javier Benito, inauguraron este xoves a primeira edición do coworking de Barro e as novas instalacións do Depo FabLab.
A través destes espazos, cedidos gratuitamente, a institución provincial pretende contribuír a promover proxectos emprendedores de éxito que impulsen e fixen a xeración de riqueza na provincia de Pontevedra.
A institución provincial conxuntamente coa Escola de Organización Industrial (EOI) están a investir 800.000 euros no proxecto de coworking que conta con catro edicións. Na primeira, que comeza este xoves e se estenderá durante 5 meses, vanse desenvolver 20 proxectos empresariais en espazos gratuítos, con conexión wifi, sala de formación e reunións, que irán acompañados do servizo de asesoramento e titorización (tamén gratuítos) para aumentar a probabilidade de éxito dos mesmos. Ademais, unha vez rematada a formación e o asesoramento, as persoas participantes no coworking poderán solicitar praza no viveiro de Barro para poder continuar a súa actividade.
A Deputación de Pontevedra creou tamén no polígono de Barro un Depo FabLab ou Laboratorio de Fabricación Dixital pensado para a mellora e modernización do tecido empresarial da provincia. No Depo FabLab as persoas emprendedoras, mediante os máis modernos equipos de fabricación dixital e circuítos integrados, poderán construír e materializar as súas ideas e prototipos. Amais, o polígono de Barro conta tamén con outros espazos de atención ao emprendemento como o viveiro de empresas que conta con 24 oficinas, das cales 16 están ocupadas, e 16 naves.
PARQUE DE MAQUINARIA
No transcurso do acto de inauguración o deputado David Regades adiantou que os técnicos da Deputación están a estudar a viabilidade de trasladar a sede do Parque de Maquinaria a unha parcela do polígono de Barro ante a inminente caducidade da concesión dos terreos que ocupa a actual sede do parque nas marismas da Xunqueira de Alba.