E á sexta convocatoria... celebrouse o xuízo contra un acusado de estafar a compradores de casas de madeira
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O empresario de Viascón (Cotobade), José Manuel Moure Rey, sentou no banco dos acusados este martes, máis dun ano despois de que a Audiencia Provincial o citase por primeira vez, nove meses despois de ser xulgado polos mesmos feitos e, en realidade, por sexta vez para render contas polo mesmo delito. Está acusado dun delito de estafa continuada polo que xa o citaron cinco veces antes e, como fixo no pasado nun xuízo que si se celebrou, pero cuxas gravacións se perderon, volveu defender a súa inocencia.
A Fiscalía sostén que dúas familias de Tomeza e Campo Lameiro contratáronlle senllas casas prefabridadas de madeira polas que cobrou diversas cantidades, pero que non chegou a facer e as súas vítimas referendaron a acusación este martes na Audiencia, pero el defendeuse e xustificou todas as acusacións que lle atribúen.
Unha das familias denunciantes é un matrimonio de Tomeza con dous fillos pequenos que contratou unha casa e pagoulle todo o acordado, 73.000 euros, pero tan só construíulles a estrutura dun baixo e unha placa. Na súa declaración ante o tribunal da Sección Segunda da Audiencia, o acusado explicou que non lles acabou a casa porque se encareceu e non quedaban fondos para a madeira.
O baixo proxectárase de bloques e houbo que facelo de formigón e, ademais, foi necesario facer un muro, un acceso e un sistema de rede de sumidoiros que non se previu, de tal modo que "houbo un incremento moi grande de gastos" e xa antes de contratar a casa gastara 54.000 euros e tan só lle quedaban 16.000 euros para comprar unha estrutura de madeira que custaba 44.000.
Os afectados sosteñen que si houbo gastos adicionais e imprevistos, pero aclaran que algúns, como a necesidade de chamar a un pocero para solucionar unhas filtracións de auga, os asumiron eles mesmos. En canto ao resto de gastos, entenden que eles contrataron unha casa e todos deberían ir incluídos no prezo excepto algúns a maiores que eles mesmos contrataron e pagaron ao construtor.
A outra familia de Campo Lameiro afectada non chegou a pagar toda a casa, senón que asinaron un contrato por 50.000 euros e só entregáronlle 20.000 euros. En relación con esta casa, o acusado si recoñece que lle fixeron o ingreso e nunca chegou a facer ningún gastos porque "os cartos ingresábanse á conta de empresa, era a que usabamos para a vida cotiá e a miña muller foi tirando del e chegou un momento en que se acabaron".
Eses fondos acabáronse e non puido devolvelos aos afectados, de modo que lle asinou varios pagarés que resultaron ir a unha conta sen fondos. El relatou que prevía que nesa conta chegase a haber diñeiro máis adiante e xustifica que o problema foi que a construción da casa demorouse por problemas coa licenza municipal. O afectado négao.
O xuízo non terminou este martes, senón que se retomará nos próximos días cun testemuño por videoconferencia que non puido realizarse. Trátase do dono da empresa de Cidade Real que fornecía as casas de madeira que logo o acusado teoricamente debía montar.
Relacionadas:
-
Sete anos de prisión para un empresario por quedar co diñeiro de dúas casas de madeira que non entregou
Por Natalia Puga |
-
Visto para sentenza o xuízo contra o acusado de estafar dúas familias que lle contrataron casas de madeira
Por Natalia Puga |
-
Unha "manobra dilatoria" obriga a suspender de novo un xuízo que xa se fixou cinco veces nun ano
Por Natalia Puga |
-
A Audiencia repetirá en xullo o xuízo por estafa que non quedou gravado por problemas técnicos na sala
Por Natalia Puga |
-
Contrata unha casa de madeira e queda coas ganas e sen diñeiro: "Ao final, nin casa nin nada, unha burla"
Por Natalia Puga |
-
A familia que soñaba cunha casa de madeira e acabou estafada
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |