Pais do Vilaverde recollen firmas ante a falta de calefacción no colexio
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Coa chegada do frío empezaron a acenderse os sistemas de calefacción nos centros escolares pontevedreses, pero os pais de alumnos do CEIP Vilaverde de Mourente denuncian que no seu segue apagado e, ademais, está en obras. Preocupados pola situación e, sobre todo, pola falta de información por parte do colexio, puxeron en marcha unha campaña de recollida de firmas.
Os pais que non están de acordo con que non haxa calefacción nas aulas dos seus fillos e coa falta de información respecto diso acudiron a asinar durante toda a xornada deste xoves ao despacho de avogados Bazarra&Seoane da rúa Michelena e teñen previsto entregalas este venres ante a Consellería de Educación.
A Xefatura Territorial de Educación de Pontevedra respondeu este xoves á polémica suscitada. A preguntas de PontevedraViva, fontes oficiais da Xunta de Galicia pediron desculpas aos pais pola situación e avanzaron que está previsto que a mediados da próxima semana xa haxa calefacción.
Segundo indicaron desde a Delegación da Xunta en Pontevedra, para minimizar ao máximo as consecuencias da situación, durante os primeiros días da próxima semana acenderanse no centro radiadores eléctricos e xeradores de obra con aire quente para quentar o edificio.
Os escolares do Vilaverde, que teñen entre 3 e 12 anos, contaron aos seus pais estes días que no colexio facía moito frío e os profesores mesmo deron clases con abrigo. Nalgúns casos, os pais quéixanse de que se decataron de que non había calefacción porque os seus fillos chegaron a casa enfermos e acabaron en urxencias con vómitos e febre.
Os pais descoñecen como se chegou a esta situación porque ninguén lles informou, pero fontes da Xunta explicaron a este medio que non hai calefacción porque se contratou unha obra de mellora da eficiencia enerxética que inclúe actuacións no tellado e a instalación dunha caldeira de biomasa e, por motivos alleos ao colexio, atrasouse.
A previsión é que todo estivese terminado coa chegada do frío, pero produciuse un atraso nas previsións pola falta dunhas pezas, de modo que non se pode atribuír nin a Educación nin á empresa contratada, senón á empresa distribuidora. A caldeira priorizouse sobre outras actuacións previstas, pero, aínda así, chegou o frío con todo instalado, pero á espera das pezas hidráulicas que se necesitan para poñela a funcionar, circunstancia que lamentan e pola que piden desculpas á comunidade educativa.