Cinco Interlocutores Policiais Sanitarios encárganse de reducir as agresións a médicos na provincia
Por Redacción
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz, indicou este venres que un Garda Civil e catro axentes da Policía Nacional realizan labores de Interlocutor Policial Territorial Sanitario co obxectivo de coordinar a aplicación de medias para reducir as agresións nos centros hospitalarios.
Esta decisión responde a unha instrución aprobada na Secretaría de Estado de Seguridade para reducir as agresións a profesionais da saúde. A subdelegada mantivo encontro en Pontevedra co secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes;o tenente coronel da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, Manuel Touceda; o comisario provincial da Policía Nacional, Manuel Bouzas e o comisario xefe da Policía Nacional de Vigo-Redondela, Manuel Teijeiro. Á reunión tamén asistiron a xefa territorial da Consellería de Sanidade e os xerentes dos hospitais públicos en Vigo e Pontevedra, ademais de representantes dos Colexios Médicos, de Enfermería e de Farmacéuticos.
Ana Ortiz confirmou a preocupación do Goberno central polo aumento de agresións no sector sanitario e estableceuse un protocolo de actuación ante calquera agresión ou manifestación de violencia e intimidación que se produza contra o persoal sanitario.
Estes Interlocutores Policiais Territoriais sanitarios son profesionais designados por Garda Civil e Policía nacional para lograr un contacto máis fluído e directo cos corpos de seguridade en caso de agresión.
A subdelegada afirmou que se está traballando na elaboración dun catálogo e unha clasificación de centros sanitarios, tanto públicos como privados, en función do seu "risco de acción delituosa" e que quedarán xeorreferenciados; á vez que se desenvolve o establecemento de canles de comunicación permanentes coas autoridades sanitarias, as institucións públicas e as organizacións especializadas. Isto permitirá que a Garda Civil e a Policía Nacional reciba a información de forma coordinada, facilitando as investigacións.
Tamén se adoptan medidas preventivas que reforzarán os dispositivos de seguridade e vixilancia na contorna dos centros sanitarios, mentres que no interior realizarase unha análise das agresións.
Estas agresións prodúcense, sobre todo, no sector da atención primaria e trátase de lesións, ameazas, coaccións e inxurias. En España rexistráronse 486 feitos delituosos en 2016.