Puigdemont e a Fundación Franco cóanse no debate económico do pleno
Por Alejandro Espiño
A modificación de crédito de 1,7 millóns proposta polo goberno municipal para financiar as obras de Virxe do Camiño e amortizar débeda provocou un debate no pleno que, nalgunhas fases, saíron a relucir asuntos tan dispares como a situación do ex presidente catalán, Carles Puigdemont, ou a Fundación Franco e o seu papel no pazo de Meirás.
Todo partiu das críticas do PP a esta modificación ao asegurar o edil Rafael Domínguez que a xestión económica do BNG é unha "chapuza" e que 2017 concluirá coa taxa de execución do orzamento "máis baixa" desde que gobernan os nacionalistas en Pontevedra.
Domínguez quixo ironizar coa "incapacidade" do goberno para xestionar o municipio e achacouno ao pouco tempo que, segundo chanceou, pasa o alcalde na cidade polas súas viaxes, chegando a suxerirlle que o seu próximo destino sexa Bélxica, país no que se refuxiou o ex presidente catalán para evitar comparecer ante a xustiza polo desafío independentista.
Sumado ao tempo empregado polo socialista Agustín Fernández para criticar a xestión do plan de compostaxe, o responsable de Facenda, Raimundo González, concluíu que a modificación de crédito "debe ser cojonuda" ao dedicarse o debate a outras cuestións. Así suxeriu falar tamén da Fundación Franco e da inacción da Xunta contra ela.
O líder do PSdeG, en todo caso, tamén aproveitou a súa quenda de intervención para asegurar que a xestión económica do goberno de Lores é "mellorable" e mostrou as súas dúbidas de que as obras aprobadas "se poidan executar" no prazo previsto.
O BNG aceptou as dúas suxestións propostas por Marea con respecto ás obras de Virxe do Camiño. Así, o Concello dirixirase a Educación para poder abrir un paso peonil cara ao IES Frei Martín Sarmiento, que mellore a mobilidade entre Eduardo Pondal e a Avenida de Vigo, e a Afundación para poder usas as instalacións deportivas situadas nesa zona.
Sexa como sexa, a modificación de crédito foi aprobada cos votos a favor de BNG, PSdeG-PSOE e Marea e as abstencións de Partido Popular e Cidadáns.
O pleno, pola súa banda, rexeitou as tres propostas presentadas polo PP para que se executasen obras de reforma no barrio da Seca e se completara o abastecemento de auga en Os Areás (Mourente), para adherirse ao protocolo asinado pola Xunta e a Fegamp para impulsar a implantación de empresas en Galicia e para a instalación de zonas de estiramento para deportistas en varios puntos da cidade.
Tampouco saíu adiante a moción de Marea para avanzar na ordenación do monte no municipio. Si foi aprobada, pola contra, a proposta para instar a Defensa a desafectar a súa delegación en Pontevedra, situada nas Palmeiras, para reaproveitala como escola infantil. Foi apoiada por BNG e PSdeG-PSOE.
A única moción aprobada por unanimidade foi a presentada por Cidadáns. María Rey suxería a posta en marcha dunha APP para dispositivos móbiles na que os cidadáns puidesen alertar de danos no mobiliario urbano ou nas rúas da cidade e que servise, ademais, para unha comunicación directa entre o Concello e os veciños.
Relacionadas:
-
Defensa rexeita ceder a súa subdelegación en Pontevedra para escola infantil
Por Alejandro Espiño |
-
Veciños de Monte Porreiro piden no pleno que se cambie a situación dos composteiros
Por Alejandro Espiño |
-
Marea propón habilitar unha vía peonil entre o Gorgullón e a Avenida de Vigo
Por Redacción |
-
O Concello reducirá débeda e reformará Virxe do Camiño con cargo ao superávit de 2016
Por Alejandro Espiño |