O PP respalda a Jorge Cubela como candidato para presidir o partido no municipio
Por Redacción
O actual presidente da xestora municipal que rexe o Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, será con toda probabilidade o único candidato que optará a converterse no primeiro presidente dos populares do municipio fusionado.
Tras un encontro con afiliados do PP en Cotobade, o único territorio sobre o que ten competencias ata que se unifiquen as dúas agrupacións, Cubela confirmou que se presentará ao congreso local que se celebrará o 24 de novembro no Centro Cultural de Cerdedo.
Durante a xuntanza, Jorge Cubela fixo balance dos seus sete anos á fronte do partido e explicou os resultados electorais obtidos baixo a súa dirección, destacando "o constante crecemento do partido e as continuas vitorias por maioría absoluta".
"Cando chegamos tiñamos catro concelleiros e conseguimos aumentalos ata os sete actuais", significou Cubela, que avanzou que pulsará a opinión da militancia para saber cal debería ser o camiño e as persoas que rexan os destinos do partido nos seguintes catro anos.
Tomaron a palabra preto dunha decena de asistentes ao acto e todos apoiaron a súa xestión e o instaron unanimemente a presentar a súa candidatura para que o PP de Cerdedo-Cotobade "teña polo menos os mesmos éxitos electorais e de xestión que os obtidos pola actual agrupación local desde o ano 2010".
Deste xeito, Cubela anunciou a súa candidatura e declarouse "moi ilusionado" para traballar os vindeiros catro anos cos obxectivos de reeditar a vitoria electoral por maioría absoluta, consolidar plenamente o proceso de fusión e rematar cos investimentos que están en marcha.
O líder dos populares de Cotobade explicou que, tras obter o respaldo dos militantes do seu territorio, vai pulsar nos vindeiros días, ata a data do congreso, a opinión dos integrantes do partido de Cerdedo, comezando polo seu presidente, José Balseiros.
"Este é un proceso un pouco inhabitual ao ter que fusionar as dúas agrupacións", recoñeceu Cubela, que agarda o apoio dos compañeiros de Cerdedo "xa que percibo a súa valoración e cariño e creo que consideran que, xunto a Balseiros, levamos axeitadamente o temón do Concello".
Todos os afiliados do PP de Cerdedo-Cotobade que aspiren á presidencia do partido terán que presentar por escrito ante a comisión organizadora do Congreso a súa precandidatura antes do 14 de novembro e poder ter así acceso ademais á documentación relativa ao congreso.
A candidatura deberá ir acompañada por un mínimo de 90 sinaturas de afiliados, no modelo aprobado ao efecto pola comisión. O prazo para a presentación de avais remata o 22 de novembro.