A metade dos investimentos municipais para 2018 será no rural
"Este ano tócalle o gordo ao rural". Con esa expresión quixo destacar o responsable de Facenda, Raimundo González, que no orzamento municipal de 2018 as parroquias de Pontevedra son as "grandes beneficiadas". A elas destinaranse case a metade dos case 11,5 millóns de euros que se recollen no capítulo de investimentos.
É unha das tres grandes partidas do orzamento que, co borrador xa "moi avanzado", ascenderá aos 73,5 millóns de euros. Nel, crecerán tanto os gastos correntes como o pago aos traballadores do Concello.
Para persoal destinaranse 21,9 millóns, 600.000 euros máis que en 2017, pola subida de soldo do 1% decretada polo Goberno central para este ano e a previsión de que en 2018 aprobará un novo aumento do 1,5%.
Pola súa banda, os gastos correntes alcanzan os 31,7 millóns. Son 900.000 euros máis. Raimundo González explicou que sobe fundamentalmente polos novos contratos de auga e o servizo de axuda no fogar, a licitación do mantemento dos ascensores, as probas deportivas previstas na cidade e un plan de emprego de 500.000 euros.
Neste sentido, o edil do BNG explicou que se trata de "un mix" das propostas do goberno municipal, Marea e as asociacións de veciños e que incluirá todos os plans de formación do Concello. A ese diñeiro sumaranse 250.000 euros en axudas e bolsas e outros 68.000 euros dos itinerarios ILES.
Os 11,5 millóns de euros para investimentos son, recoñece o concelleiro de Facenda, case un millón e medio menos que en 2017, aínda que lembrou que outros oito millóns chegarán a través dos fondos europeos DUSI para financiar os proxectos de reforma do Gorgullón, a Ponte do Burgo e o núcleo de centralidade parroquial de Tomeza, entre outros.
As principais actuacións destinarán 1,8 millóns de euros aos centros culturais de Estribela, O Burgo e Os Campos, 1,4 millóns a obras de accesibilidade rural, 1,2 millóns para a reforma de edificios municipais -entre eles o novo dos Ferreiros-, 1 millón para instalacións deportivas, 900.000 euros para composteiros ou 775.000 euros para accesibilidade urbana.
Case todas as partidas que se recollen no capítulo de investimentos xa están vinculadas a un proxecto en concreto, polo que Raimundo González destacou que non é "ambiguo", como adoitaban criticar os portavoces da oposición con cada proxecto de orzamentos.
Ademais, crecen en 600.000 euros as transferencias correntes ata os 4,95 millóns de euros, fundamentalmente por 80.000 euros adicionais para o Pazo da Cultura, 30.000 euros para Turismo de Pontevedra, 425.000 euros para a renda social e 150.000 euros para o transporte metropolitano e a demanda.
As grandes cifras deste orzamento péchanse coas transferencias a proxectos con outras administracións, que se situarán nos 934.000 euros e que inclúen diñeiro para o novo abastecemento de auga de Pontevedra e a ría, executado por Acuaes, as expropiacións do novo acceso a Monte Porreiro, o proxecto do Gran Montecelo ou o novo plan Monte Vivo.
O BNG xa entregou este borrador de orzamentos aos partidos da oposición, con quen se empezará a reunir a partir da próxima semana. Será con Marea como "socio preferente", xa que González asegura que os contactos con eles son "permanentes" e xa se lle recolleron varias propostas.
"Hai unha base sólida e agardo que poidamos chegar a bo porto", engadiu Raimundo González, que fixa a data de mediados de decembro para a celebración do pleno no que "se todo vai ben" aprobaranse as contas para 2018 sen os sobresaltos do pasado ano.
Relacionadas:
-
Pistoletazo de saída para a reforma do mercado, o multiusos e o Gorgullón
Por Natalia Puga |
-
Case todos os proxectos financiados con fondos europeos executaranse en 2018
Por Alejandro Espiño |
-
O PSOE confirma que se absterá na votación dos orzamentos ao recoller parte das súas propostas
Por Redacción |
-
O PP votará en contra dos orzamentos ao comprobar que son para obras do pasado
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A postura de Marea co orzamento municipal será a de "Junts pel sí o per l'abstenció"
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello buscará a solución "máis acaída" para Barcelos
Por Alejandro Espiño |
-
Luz, auga e a xestión do lixo custarán case 17 millóns de euros en 2018
Por Alejandro Espiño |
-
María Rey non negociará co BNG o orzamento municipal
Por Redacción |
-
Marea propón incluír no orzamento de 2018 un plan de emprego xuvenil
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello asumirá a "gran maioría" das propostas veciñais ao orzamento municipal
Por Alejandro Espiño |
-
O goberno local traballa nun orzamento de 74 millóns de euros que negociará de maneira "preferente" con Marea
Por Oskar Viéitez |