Plantan especies de ribeira no contorno da Xunqueira da Gandarela
Por Redacción
A parroquia de Lourizán deu un novo paso cara a recuperación dos espazos naturais e das especies autóctonas cunha plantación de especies de ribeira no contorno da Xunqueira da Gandarela. As persoas asistentes tiveron a oportunidade de ‘apadriñar’ unha árbore que terán que coidar e regar namentres continue a seca que estamos padecendo este ano.
Na xornada foron plantadas medio centenar de árbores de ribeira, diferentes especies, tales como freixos, bidueiros, ameneiros, loureiros, etc. Complétanse desta maneira, os traballos realizados no último ano, dirixidos a eliminar as especies invasoras do contorno da xunqueira, como o plumeiro da Pampa, moi extendido na zona, as acacias, seudoacacias e eucaliptos e a retirar os escombros e o lixo existente.
A actividade, dirixida a todos os públicos, foi promovida pola comunidade de montes, a Escola Agroforestal de Lourizán e a Asociación Cultural de Ponte Muíños. Do mesmo xeito foron invitados os membros da comunidade educativa de Lourizán, que participaron activamente poñendo o seu nome a cada unha das novas árbores que desde agora poblan a Gandarela.
Ao fin das xornadas, a comunidade de montes agasallou aos asistentes cunha camiseta do espazo arqueolóxico dos Sete Camiños.