Pontevedra celebra o día mundial en lembranza das vítimas de accidentes de tráfico
Por Diego Torrado
"Respecto e responsabilidade ao volante" foi a mensaxe máis repetida este domingo en Pontevedra no acto conmemorativo do día mundial en lembranza das vítimas de accidentes de tráfico, un evento no que lembrou que cada cidadán pode sumarse ao "compromiso pola vida e á loita para reducir a sinistralidade viaria".
Xunto a Jeanne Picard, presidenta da ONG Stop Accidentes, participaron no acto o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, que fixo un chamamento ao conxunto da sociedade co fin de "implicarnos e traballar arreo para espertar e mover conciencias para potenciar valores como o respecto, a prudencia e a responsabilidade", co obxectivo de facer extensiva a cultura da seguridade viaria.
Todos coincidiron en sinalar a obriga das administracións públicas de liderar esta loita, poñendo todos os medios ao seu alcance para incrementar a seguridade nas estradas e prestando especial atención aos usuarios máis vulnerables das mesmas, como son os peóns, os ciclistas, os motoristas ou os peregrinos, ademais dos nenos e maiores.
Tamén coincidiron na necesidade de formar os máis cativos na seguridade viaria, transmitindo xa desde o entorno familiar os riscos que entraña unha conducta irresponsable na estrada.