A Deputación comunica os concellos unha nova edición do Plan Móvese
Por Oskar Viéitez
O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou a continuidade do Plan Móvese dada a "gran satisfacción" coa que asegura foi recibida a primeira edición desta replanificación "profunda e conceptual" das actuacións en materia de mobilidade.
O organismo provincial seguirá traballando nas súas propias vías con especial fincapé na protección dos colectivos máis vulnerables: peóns, ciclistas e persoas con mobilidade reducida.
A partir deste martes remitiranse cartas a todos os alcaldes dos 61 concellos da provincia para que propoñan actuacións centradas no acougado do tráfico, co convencemento de que unha redución efectiva da velocidade implica tamén unha diminución drástica do número de accidentes.
Por tanto serán os concellos os que propoñan as actuacións naqueles tramos das vías que os consideren oportuno e, como novidade, os técnicos da Deputación determinarán que tipo de medida se adopta, por exemplo, implantar zonas 30, pasos de peóns sobreelevados ou reductores físicos de velocidade de vehículos
As actuacións están financiadas ao 100% pola institución provincial aínda que por agora descoñécese a canto ascenderá o montante final que se destinará ao Plan Móvese 2 xa que a cifra dependerá do número de solicitudes que presenten os concellos.
Uxío Benítez "albisca" que a demanda de medidas de acougado de tráfico vai ser "moi importante" xa que, sen empezar aínda o plan, xa hai máis de 50 solicitudes de "lombos" presentadas por concellos, asociacións de veciños ou particulares.
Finalmente o deputado nacionalista lembrou que este Plan de Mobilidade e Velocidade Segura da Deputación conta co recoñecemento da Dirección Xeral de Tráfico e do Congreso Iberoamericano de Seguridade Viaria.