Xa están en marcha varias campañas de recollida de xoguetes
Por Oskar Viéitez
As datas do Nadal están cada vez máis próximas e xa están en marcha algunhas campañas solidarias para unha das épocas máis sinaladas do ano.
É o caso da Fundación Amigos de Galicia que necesita voluntarios para traballar na campaña de Nadal envolvendo os 2.458 agasallos que se entregarán entre os nenos de ata 8 anos de idade que atende a entidade.
Destes agasallos necesarios, á entidade fáltalle por recadar 1.063 xoguetes, e para iso abre a campaña de recollida de xoguetes novos.
Tamén a comunidade educativa do IES Gonzalo Torrente Ballester ven de iniciar unha campaña de recollida de xoguetes que estará en marcha ata o vindeiro 15 de decembro. A iniciativa está aberta a aquelas persoas que desexen colaborar.
Todos os xoguetes recollidos serán doados a prol da asociación Boa Vida, que se encargará de distribuílos entre as familias máis necesitadas.