Haberá atención "preferente" a arquitectos e aparelladores para desatascar Urbanismo
Por Alejandro Espiño
Tras verse obrigado a paralizar a tramitación dunha ordenanza para simplificar os trámites urbanísticos, segundo o Concello por cambios normativos da Xunta, o goberno municipal tomou outro rumbo co obxectivo de desatascar o servizo de Urbanismo que, hoxe en día, atópase saturado polo alto volume de traballo.
Esta foi unha cuestión que abordou este martes a concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías, nunha reunión con membros dos colexios profesionais de arquitectos e aparelladores da provincia de Pontevedra.
Dela saíron unha serie de medidas que, tras analizalas cos técnicos municipais, iranse aplicando ao longo dos próximos meses.
Así, o Concello acordou ofrecer a arquitectos e aparelladores unha atención "preferente", creando un servizo de consulta para estes profesionais. No principio do ano, establecerase un día concreto no que, de forma semanal, o persoal do departamento de Urbanismo atenderán de forma exclusiva os asuntos que tramitan arquitectos e aparelladores.
Será a través dunha liña de teléfono específica, previo envío dun correo electrónico no que se concrete o asunto para tratar, de forma que os técnicos municipais teñan xa localizada toda a información relativa ao expediente que se desexa consultar.
Ademais, o goberno municipal reforzará Urbanismo con dous novos empregados, un arquitecto e un arquitecto técnico cuxo proceso de selección está nas súas últimas fases. Incorporaranse a un servizo onde, segundo Gulías, están a realizarse horas extra para reducir a carga de traballo que existe na actualidade.
O Concello tamén impulsará a celebración dunha xornada, na que participarán tamén colectivos de persoas con diversidade funcional, para abordar a estrita norma municipal sobre cuestións de accesibilidade. O obxectivo é, a petición dos arquitectos, acordar a maneira para simplificar o cumprimento das normas en calquera obra que se faga.
Arquitectos e aparelladores pediron, por outra banda, poder acceder en tempo real á tramitación dos seus expedientes urbanísticos, algo que están a estudar os servizos informáticos do Concello. Máis complexidade terá, segundo a edil do BNG, conxugar o dereito á consulta de expedientes coa lei de protección de datos.
Relacionadas:
-
Os profesionais recibirán atención telefónica por parte dos servizos urbanísticos do Concello
Por Alejandro Espiño |
-
Reactívase a construción en Pontevedra con case 400 vivendas en proxecto
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello e os arquitectos buscan vías de consenso para tentar reducir o volume de papel
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Urbanismo recolle suxestións para simplificar os trámites administrativos
Por Oskar Viéitez |
-
Notan un "repunte" na rehabilitación de edificios no centro histórico
Por Alejandro Espiño |