O BNG critica o "notable atraso" do Concello de Sanxenxo na adxudicación do centro de día
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do BNG no Concello de Sanxenxo criticou o "notable atraso" que acumula o goberno local na adxudicación da xestión do centro de día.
Os nacionalistas lembran que o pasado 26 de outubro concluíu o proceso de apertura de sobres e de baremación das ofertas económicas e técnicas presentadas polas empresas que concorreron a esta convocatoria. O bipartito (PP - SAL) ten sobre a mesa o acta coa proposta ao órgano de contratación para a adxudicación do contrato á empresa que tivo maior puntuación.
A ex concelleira de Servizos Sociais, Sandra Fernández Agraso, considera que se trata de "un tempo excesivo" para que a licitación non se producira xa e se teña que manter o servizo en base á responsabilidade e a boa vontade da anterior empresa. Tamén lamentou que o prego valore ao 50% o prezo e as melloras e non corrixa a falta de persoal para garantir a calidade do servizo.
Ao goberno local "sorpréndenlle" estas críticas do BNG "cando saben perfectamente o tempo que leva facer estes trámites".