O PSOE critica no Parlamento o "estado terceiromundista" do Hospital Provincial
Por Redacción
O Partido Socialista, a través da deputada Patricia Vilán, preguntaba este mércores no Parlamento de Galicia por que non aparece nos orzamentos para 2018 unha partida para a reforma do Hospital Provincial de Pontevedra.
A deputada socialista reclamou ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que lle indicase en que páxina do orzamento figuraba o proxecto para acometer unha reforma que é necesaria para este centro hospitalario público que, segundo afirmou, está nun "estado terceiromundista". O conselleiro afirmou na súa intervención que "o que figure nos Orzamentos non é importante, o importante é facer as cousas".
Esta resposta sorprendeu aos socialistas que sinalan que a Xunta orzamentou a ampliación do Hospital Montecelo pero non a executou e preguntou que se vai a facer desde a Xunta se nin sequera inclúen a reforma do Provincial nos orzamentos previstos para 2018.
Patricia Vilán critica a situación infrahumana da área de lactación no Provincial, que conta con "un berce decimonónico e unha cadeira de tortura para as nais", con denuncias de usuarias presentadas ao verse obrigadas a aleitar aos seus bebés na zona de pediatría porque a área de lactantes atopábase pechada. Lamenta tamén que a zona de espera da área de urxencias pediátricas se sature con apenas 10 menores.
A parlamentaria do PSOE afirmou que a este paso, o centro hospitalario vai ser comido polos bichos. Afirma que se trata dun espazo absolutamente degradado que dá cobertura a servizos como medicina interna, infecciosas, neuroloxía, nefroloxía, dermatoloxía, obstetricia, xinecoloxía, análises clínicas, radioloxía, microbioloxía, hematoloxía, oftalmoloxía, saúde laboral, penitenciaría, hemodiálise, cirurxía maior ambulatoria e os hospitais de día de Psiquiatría e Oncoloxía.
O conselleiro fixo referencia á partida xenérica do Plan de Humanización do Sergas para incluír os gastos previstos da reforma do hospital.