A reforma na Seca arranca pola zona verde xunto ao CGTD
Por Redacción
O proxecto de mellora na contorna da rúa da Seca comezará a ser unha realidade a partir dos próximos días, cando comecen os traballos previstos.
A primeira das actuacións, na que as obras arrancarán durante a última semana de novembro, segundo confirmou o goberno local, será a da reforma da zona verde existente na parte traseira do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, entre o Camiño Vello de Castela e José Malvar.
Nesta parcela a concellería de Parques e Xardíns pretende crear un espazo para o uso e goce dos pontevedreses, no que se poida pisar a herba creando un gran espazo de xogo e descanso. Para iso a intervención paisaxística inclúe a plantación de 28 árbores de sete especies distintas, con follas perennes que poidan ofrecer cor durante todo o ano.
O total da actuación no barrio realizarase co investimento que debe realizar a concesionaria de Parques e Xardíns, cun orzamento superior aos 250.000 euros e a intención é que poida concluírse antes de final de ano.
A zona verde completarase con tres sendeiros que partirán do Camiño Vello de Castela e José Malvar e confluirán nunha praza na que haberá bancos para o descanso e unha fonte.
As melloras na contorna da Seca completaranse cun proxecto de mobilidade, composto de dúas actuacións, que foron adxudicadas á empresa EC Casas e que se iniciarán en canto conclúa a tramitación administrativa.