O Salón Internacional de Sevilla elixe tres cabalos de Ponte Caldelas entre os dez mellores do mundo
Por Redacción
A Hípica Amazonas, de Ponte Caldelas, volveu do Salón Internacional do Cabalo (SICAB) de Sevilla, onde se celebra o Campionato do Mundo de Cabalos de Pura Raza Española, con tres animais clasificados entre os 10 mellores das súas respectivas categorías.
A hípica, sede da gandería caldelá Santos Pereira, concorreu con seis cabalos (dous propios e catro doutras ganderías) a un certame no que competiron un total de 1.077 monturas procedentes de todo o mundo. En tan esixente escenario converteuse nunha das máis laureadas, confirmando así unha traxectoria de éxitos que vén mantendo dende 2013, primeiro ano en que concorreu á cita sevillana.
O SICAB, que acolle o campionato do mundo dende o ano 1991, é unha referencia ecuestre internacional que reúne a gandeiros e criadores dun total de 60 países. Celebrouse este ano entre os días 14 e 19 deste mes coa participación dos animais de 300 ganderías cunha afluencia récord de público de 200.000 persoas. O certame é un dos acontecementos máis importantes do ano en Sevilla, xunto coa Semana Santa e a Feira de Abril.
Ademais, o concurso deste ano foi o de maior participación de criadores estranxeiros de cabalos de Pura Raza Española, que compiten en diferentes categorías de morfoloxía, movementos ou mixta e en función tamén da súa idade.
Os responsables da hípica están moi satisfeitos destes resultados, pois dous dos tres cabalos situados no "top ten" son da súa propia gandería Santos Pereira, mentres que o terceiro está pupilado en Ponte Caldelas, aínda que é propiedade dun ferro francés.
- Belmonte Torreluna, cabalo de Santos Pereira, quedou oitavo na súa clasificación por idade, ademais de campión do mundo de Movementos
- Atrevida MiBIX, egua de Santos Pereira, en noveno posto
- A egua francesa Faraona Bairon alcanzou o noveno posto da súa categoría.
Cómpre tamén destacar os bos resultados dos outros tres animais cos que concorreu Hípica Amazonas, é dicir, Indeciso RBB, da gandería Nobleza de Tomiño; Huelvana Jur, de Patiño Guillán, e Guapo LXVI, da Yeguada Gran Vida.