O Concello presenta un borrador de convenio ao consello reitor do parque empresarial de Nantes
Por Redacción
Este venres reuníronse o Concello e o consello reitor do parque empresarial de Nantes para avanzar nun posible borrador de acordo entre as dúas partes para que as persoas que investiron o seu diñeiro neste parque empresarial poidan empezar a sacarlle rendemento e xerar emprego e actividade económica en Sanxenxo.
Na reunión acordouse convocar unha nova asemblea de propietarios, unha vez que o consello reitor teña un informe xurídico que avale a viabilidade do acordo. Tal e como o Concello informou os propietarios o pasado 23 de novembro, a cantidade necesaria para dotar ao parque de todos os servizos, unha vez esgotado o diñeiro do aval, é de 638.391 euros.
O borrador que o Concello presentou ao consello reitor inclúe un calendario concreto:
- Un prazo máximo de 2 meses para a licitación das obras para contar desde a data na que se asine o acordo entre Concello e propietarios.
- Un prazo máximo de 4 meses para a execución das obras para contar desde a data de adxudicación das mesmas.
- Unha vez finalizadas as obras, un prazo máximo de 2 meses para que os propietarios abonen a cantidade pendente e posteriormente o Concello recibiría definitivamente do parque empresarial.
O goberno quere trasladar aos propietarios que "esta folla de ruta é a mellor opción para desatascar o parque empresarial definitivamente".
Desde o goberno local de Sanxenxo afirman que "respectamos aos propietarios que consideran que lles asiste o dereito para facer reclamacións xudiciais. Desde logo, os informes que ten o Concello non van nesa dirección, todo o contrario. En calquera caso, a folla de ruta que propoñemos non sería incompatible con esas reclamacións se se queren facer ".
"A decisión que teñen que tomar os propietarios é, cal é a mellor opción para o parque desde a situación actual en diante. Sobre o que non se fixo no pasado e quen é o responsable, poderá ser obxecto dunha reclamación, pero o que é indubidable é que non serve para impulsar o parque, que debe ser a prioridade das dúas partes", conclúe o bipartito.
Relacionadas:
-
Satisfacción en Sanxenxo ao aprobar os propietarios do polígono de Nantes a folla de ruta proposta
Por Oskar Viéitez |
-
Os propietarios do parque empresarial de Nantes votarán en asemblea a folla de ruta do Concello
Por Redacción |
-
Os propietarios do polígono de Nantes deberán poñer 638.391 euros para desatascalo
Por Redacción |
-
Telmo Martín asegura que o polígono de Nantes podería estar en funcionamento en seis meses
Por Oskar Viéitez |