Carmela Silva anima o PSOE a traballar en "un proxecto alternativo á dereita cavernícola"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, felicitou ao Partido Socialista polo proceso de primarias desenvolvido esta fin de semana e sinalou que "o noso obxectivo" é presentar un partido "potente" para ter "un proxecto alternativo á dereita cavernícola que nos leva tanto tempo gobernando en Galicia".
A mandataria socialista indicou que "estou segura" que no 2019 o PSdeG pode obter "moitísimos mellores resultados" e que "imos ser a primeira forza na provincia de Pontevedra".
Preguntada polos xornalistas antes de intervir nun acto en Deputación, Carmela Silva destacou sobre o PSOE que "somos o partido máis democrático de España" porque "eliximos os nosos dirixentes votando todos os militantes" algo que valorou como "unha moi boa noticia para a democracia". Neste sentido Silva afirmou que "me gustaría tamén que o resto dos partidos o fixeran así" xa que está convencida de que "no século XXI a designación dixital creo que non ten moito futuro ou non debería telo polo menos".
A mandataria socialista chamou a atención sobre un dato concreto do proceso de primarias. "Superamos sempre o 65% de votación por parte da militancia" o que, ao seu xuízo, reflicte que "somos un partido moi vivo".
Para Carmela Silva as primarias "teñen que servir para unha única cousa, para mostrar á sociedade un partido potente, o somos", e destacou tamén que, cos seus máis de 140 anos "somos o partido con máis tradición histórica de todo o estado Español e tamén de Europa".
O BRANCO E O NEGRO
Carmela Silva referiuse ás diferenzas que existen entre o Partido Socialista e o Partido Popular, "desde logo é o branco e o negro". Segundo a mandataria socialista "nós somos o branco, un goberno pensado para as persoas, innovador, vangardista, socialmente avanzado que cre nos dereitos, que cre neste pobo, que sabe que hai moitísimo talento".
Pola contra, segundo dixo Silva, o "negro" é o Partido Popular porque "segue nas súas prácticas clientelares, caciquiis, claramente recoñecidas pola cidadanía".
Preguntada polas novas responsabilidades que agora asume o deputado de cooperación e concelleiro vigués David Regades que acaba de gañar as primarias do PSOE de Pontevedra, Carmela Silva dixo que "hai xente que demostrou a súa capacidade de traballo, a súa intelixencia, o seu compromiso cos mellores valores da humanidade" e, neste aspecto "o novo Secretario xeral ten esa categoría sen ningunha dúbida".
Carmela Silva engadiu que "cando a xente ten principios, ten valores, ten conviccións, o traballo non é un peso senón que é algo positivo" e puxo como exemplo a súa propia dedicación como presidenta da Deputación, "pero sintome moi feliz porque ese traballo redunda na mellora da vida da xente".
Relacionadas:
-
Os socialistas de Sanxenxo, Barro, A Lama e Cerdedo-Cotobade elixen as súas executivas
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE pontevedrés programa para xaneiro a renovación das agrupacións locais
Por Oskar Viéitez |
-
"Aire fresco" no PSdeG pontevedrés para "dar a batalla" ao PP nas municipais
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
David Regades, novo líder do PSOE na provincia de Pontevedra
Por Diego Torrado & Natalia Puga | Creada e actualizada
-
A candidatura de David Regades aposta por celebrar a Festa da Rosa
Por Anxo Lourido |
-
Regades avantaxa a Reguera na entrega de avais para as primarias socialistas en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Andrés Díaz e David Regades unen as súas candidaturas e optarán xuntos a liderar o PSOE
Por Alejandro Espiño |