AEMPE e Zona Monumental reciben 38.000 euros do Concello para dinamizar o comercio local
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O alcalde de Pontevedra asinaba este xoves dous convenios de colaboración coas asociacións AEMPE e Zona Monumental polos que recibirán respectivamente 16.000 anuais ata 2021 e 22.000 euros, 4.300 correspondentes a este ano e o resto destinado ao exercicio de 2018.
O presidente da asociación de empresarios da mediana e pequena empresa de Pontevedra (AEMPE), José María Corujo, asinaba o convenio por un período de catro anos co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e coa presenza da concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías.
AEMPE conta actualmente con ao redor de 500 asociados e realizan diferentes actividades ao longo do ano coa intención de promover o comercio local como un encontro de networking, pasarelas de moda e campaña de promoción do comercio para as festas do Nadal, que se inclúen no convenio.
Pola súa banda, a asociación Centro Comercial Urbano-Zona Monumental a través do seu presidente Miguel Lago asinaba tamén co rexedor un convenio de 22.625 euros para manter actividades como a Feira de Artesanía na praza do Teucro e diferentes accións no Mercado de Abastos.
Os dous presidentes das asociacións empresariais indicaron que esperan que a campaña de vendas neste Nadal sexa satisfactoria e ambos coincidiron en manifestar que a chegada do frío e da choiva favorece á venda nos establecementos de pezas de roupa mentres que o tempo seco ata agora beneficiara, sobre todo, ás terrazas e establecementos de hostalería.
Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández Lores manifestaba a importancia de manter unha cidade atractiva para promover o turismo e que as persoas realicen compras nos establecementos. "Unha cidade sen comercio local, non ten vida" afirmou o alcalde da capital, que destacou os acenos de identidade de Pontevedra baseados na peonalización e na dotación de contido aos espazos públicos, apoiada pola promoción no exterior, que atrae ao turismo.