123 civís xuran a bandeira española entre néboa e chuvia no acto da Inmaculada da Brilat
Por Diego Torrado & Anxo Lourido
O xeneral Antonio Romero Losada viuse obrigado a reducir o discurso que tiña preparado para lanzar aos 1.500 militares e ao numeroso público que asistiu á primeira parada da Inmaculada que presidía o substituto do xeneral Cebrián Carbonell á fronte da Brigada Galicia VII.
Non foi posible que o xeneral lese a súa explicación sobre o 'Milagre de Empel', unha escena que se remonta á Guerra dos Oitenta Anos, en 1585, cando un Terzo do exército español lograba derrotar a unha frota de dez barcos dos rebeldes dos Países Baixos no medio dun frío intenso e de augas xeadas. Os católicos cren que a procesión primeiro do Santísimo e despois da irmandade de María Inmaculada de Belduque foi determinante para que o tempo axudase ao exército e puidesen avanzar sobre o xeo para atacar por sorpresa ante o exército inimigo.
Este xoves 8 de decembro, a devoción á Inmaculada tamén deixou néboa, frío e choiva na base militar, obrigando a recortar algúns momentos do evento. O xeneral Romero Losada sinalaba ao termo que a súa referencia histórica ao 'Milagre de Empel' era para destacar o feito de que o exército español fixese fronte ás adversidades para tentar atacar ao inimigo. "Ese é o espírito da Brilat", indicou para engadir que o batallón Zamora é o herdeiro dos Terzos de Flandes.
Neste sentido, o máximo mando da Brigada Galicia VII indicou que o 2017 foi un ano magnífico coas manobras realizadas en Zaragoza na que os soldados da Brilat mostraron "a profesionalidade" e "a talla" que terán que exercer en novembro de 2018 en dúas operacións internacionais: Líbano e Mali. Á primeira acudirán entre 500 e 600 militares, mentres que á de Mali, aínda por definir, calcúlase que intervirán 200 soldados.
XURA DE BANDEIRA
O xeneral mostrou tamén a súa satisfacción porque nesta parada 123 cidadáns civís xurasen a bandeira española. Indicou que é un xesto simbólico pero que di moito da cultura da defensa, que é de todos. Non só se defende a España coas armas, argumentou Antonio Romero, senón traballando con seriedade engadindo que "es una forma de expresarlo muy bonita".
Nun ano duplicouse o número de persoas que decidiron xurar bandeira na Inmaculada. Con todo, o xeneral non cre que estea relacionado coa situación política derivada do proceso de independencia en Cataluña.
Bernardino Villanueva tampouco relaciona a súa xura de bandeira co procés catalán que, malia todo, entende que é unha vergoña e un gasto que lle fan aos españois. Este veciño de Cotobade destacaba, emocionado, que había 50 anos que fixera o servizo militar na base e lle quedara no corpo non permanecer na "mili". Por iso decidiu xurar bandeira este ano. "Para mi, la bandera es algo de mi vida", afirma e coa súa familia seguiu o acto con entusiasmo vendo que existe un exército, que ten unha disciplina, que está vivo. "Eso me da vida", apuntou.
Pola súa banda, Ami Pedrosa, é unha veciña de Cambados, que se decatou por Internet de que podía xurar bandeira e apuntouse. Admite que sinte orgullo e satisfacción de estar no acto como cidadá española. "Es un día importante para nosotros. Sentirnos españoles y unidos al ejército e identificados con la unidad de España. Es la pasión", asegura ao mesmo tempo que rexeita que o conflito catalán influíra na súa decisión de bicar a bandeira.
Relacionadas:
-
A Brilat organiza unhas manobras internacionais para executar misións de combate en zonas de bosque
Por Oskar Viéitez |
-
Soldados da Brilat socorren á vítima dun accidente de tráfico en Zaragoza
Por Natalia Puga |
-
A Brilat desprega os seus efectivos no campo de manobras de San Gregorio
Por Oskar Viéitez |
-
Aberto o prazo para que o persoal civil xure bandeira o día da Inmaculada
Por Redacción |
-
A base da Brilat en Pontevedra, mellor cuartel do ano para o Exército de Terra
Por Redacción |