O transporte escolar de Poio supera con éxito todos os controis
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Poio vén de rematar unha campaña de controis especiais sobre o transporte escolar e de menores e fai un balance positivo.
Esta iniciativa levouse a cabo dende o 27 de novembro ao 1 de decembro en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico e en cumprimento da programación das campañas e operacións especiais para o ano 2017, sen prexuízo da vixilancia normal que se realiza durante todo o ano.
No que vai de ano tense constancia de dous accidentes de autobuses escolares dentro do Concello de Poio, un no lugar do Pereiro e outro en Arís, sen feridos, aínda que viaxaban menores no momento dos sinistros.
A Policía Local de Poio verificou un total de 13 autobuses nos centros escolares do municipio, constatando que todos cumpren a normativa vixente e os condutores colaboraron positivamente nos controis. O obxectivo desta iniciativa consiste en garantir que todos os vehículos dedicados ao transporte escolar cumpran cos requisitos sobre condicións de seguridade no transporte escolar e de menores que se recollen no Real Decreto 443/2001.
Nestas inspeccións de control supervísanse, por unha banda, as autorizacións xenéricas e especiais de cada vehículo, a ITV, o seguro obrigatorio e o de responsabilidade civil ilimitado, o permiso de condución e a autorización especial de cada condutor, así como o seu estado físico e a posible presenza do alcol na condución.
ALCOL
A Policía Local de Poio colaborará nunha nova campaña especial posta en marcha pola Dirección Xeral de Tráfico sobre control da taxa de alcol e presenza de drogas en condutores, e que levará a cabo a partir deste luns día 11 de decembro e ata o 17 de decembro.
Segundo datos facilitados, o alcol está presente como factor concorrente ou desencadenamento nun terzo dos accidentes mortais e a súa presenza na condución, dependendo da súa taxa, multiplica entre 2 e 15 o risco de sufrir un accidente. A única taxa segura é 0,0.
A Policía Local de Poio velará pola súa seguridade controlando o consumo de alcol e outras drogas daqueles condutores que circulen polas vías do Concello. Dende a Xefatura local lembran que no caso de beber en exceso nas ceas de empresa ou familiares débese utilizar transporte público colectivo.
Relacionadas:
-
A Policía Local de Poio, premiada por boas prácticas en educación e seguridade viaria
Por Redacción |
-
Tráfico pon o foco no transporte escolar
Por Oskar Viéitez |
-
Detido un veciño de Pontevedra de 71 anos por traficar con haxíx
Por Oskar Viéitez |
-
A Policía Local de Vilagarcía inicia unha nova edición do programa de educación viaria
Por Redacción |
-
Edelmiro Cuiña, de Autocares Rías Baixas, premio honorífico de AJE Pontevedra
Por Mónica Patxot |