O Nadal chega con 90.000 litros de escumosos Rías Baixas certificados
Por Redacción
O Nadal está ao virar a esquina e, con ela, chega a compra masiva de produtos típicos das festas. Entre eles, cada vez cobra un lugar máis destacado o escumoso de albariño e os consumidores teñen unha boa noticia. Para esta época de celebracións chegarán ao mercado ao redor de 90.000 litros de viño Rías Baixas Escumoso de Calidade coa correspondente certificación do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas.
O director técnico do Consello, Agustín Lago, facilitou a cifra este mércores. Segundo explicou, esta semana alcanzáronse xa os 86.596 litros cualificados, aínda que se agardan máis partidas para os próximos días.
Agustín Lago destacou o "crecente interese por parte das adegas na elaboración deste tipo de viños" desde que o Rías Baixas escumoso de Calidade se incluíu no regulamento do Consello Regulador en 2009.
A produción de escumoso mantén unha tendencia estable nos últimos anos na denominación de orixe. "Empezamos con 5 e na actualidade aumentamos ata 12 as adegas que comercializan 17 marcas deste tipo de viños", indicou.
O crecente interese das adegas pola elaboración deste tipo de viños demostrouse non só no incremento de empresas comercializadoras senón tamén na produción que se está levando a cabo desde outras adegas que aspiran a cualificar os seus viños como Rías Baixas Escumoso de Calidade.
A incroporación deste viño realizouse de acordo coa normativa europea que distingue entre escumoso e escumoso de Calidade. A normativa aplicada aos escumosos en Rías Baixas admite variedades tanto brancas como tintas e distínguense distintos tipos segundo o nivel de azucre. Estes son Brut Nature (sen azucre), Extra Brut, Extra Seco, Seco, Semiseco e Doce (que leva maior cantidade de azucre).
Todos os Rías Baixas escumosos de Calidade seguen o método tradicional do champenoise para a súa elaboración.
Relacionadas:
-
Rías Baixas, máis internacionais que nunca e coa mirada posta en Donald Trump
Por Alejandro Espiño |
-
A vendima xeneralízase en Rías Baixas con excelentes perspectivas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Dime que viño bebes e direiche de que cor ves a vida
Por Sylvie Tartán |
-
Nin champagne, nin cava, os escumosos de Rías Baixas buscan un nome propio
Por Oskar Viéitez |
-
Albariño en copa de champaña
Por Redacción |