Milagre en Ponte Caldelas: saen ilesas tras derruír a fachada dunha vivenda
Por Redacción
A primeiras horas da mañá deste xoves 14, un vehículo que circulaba polo termo municipal de Ponte Caldelas saía da calzada á altura da rotonda da Reigosa, na entrada deste concello.
O turismo dirixíase cara ao polígono de O Campiño e, por causas aínda por determinar, a condutora perdeu o control do vehículo encaixándose contra unha casa que se atopa deshabitada, segundo informan desde o Concello de Ponte Caldelas.
No turismo tamén viaxaba unha acompañante que conseguiu saír do automóbil grazas a axuda da condutora. Ata o lugar se trasladaron os Bombeiros de Pontevedra, alertados polo servizo de Emerxencias do 112, pero non foi necesaria a excarceración das ocupantes.
O impacto provocou que se viñeran abaixo numerosas pedras de gran tamaño da fachada que caeron sobre o vehículo. A condutora, unha veciña de Cambados, e a acompañante resultaron ilesas a pesar da aparatosidade do accidente.
Os Bombeiros de Pontevedra balizaron e aseguraron a zona pero non puideron apuntalar o edificio porque ante a situación que presentaba corría perigo de desprenderse toda a cuberta do inmoble.
Desde o 112 Galicia tamén se alertou os Bombeiros do Morrazo que finalmente non acudiron á zona, a unha ambulancia para atender as vítimas e á Garda Civil de Tráfico. As forzas de seguridade solicitaron a presenza do persoal de limpeza e mantemento da Deputación Provincial para limpar e sinalizar a zona afectada, xa que pedras do muro invadiron a estrada.