Bautismos de mergullo para 16 persoas con discapacidade
Por Redacción
Un total de 16 persoas con discapacidade da provincia de Pontevedra puideron experimentar por primeira vez a experiencia do mergullo a través dos bautismos de mar adaptados organizados pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami).
A actividade, que se desenvolveu no centro deportivo Rías do Sur, forma parte do proxecto deportivo 'O que nos move por mar e por terra' financiado por Ence con cargo á convocatoria do plan social e que desenvolve a Federación provincial de Cogami en Pontevedra.
A Escola de Buceo Illas Cíes realizou unha instrución individual de cada un dos participantes. En concreto, tres instrutores encargáronse de conducir e adaptar a actividade a cada unha das 16 persoas.
O programa 'O que nos move por mar e por terra' iniciouse este verán e organizou actividades relacionadas co medio acuático como os bautismos de mar que se realizaron durante o mes de xullo a bordo do veleiro adaptado Laion, nos que participaron 50 persoas. En próximas datas haberá rutas de sendeirismo a pé e en bicicletas adaptadas, convencionais e cadeiras de rodas deportivas polos montes de Pontevedra, Poio e Marín.
A través das redes é posible seguir este proxecto 'O que nos move por mar e por terra' a través do hashtag #enceplansocialpontevedra.