"O PP é o único que non se enterou de que somos nacionalistas"
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra non se adherirá aos actos con motivo do 40 aniversario da Constitución que acordaron as mesas do Congreso e do Senado o pasado mes de setembro. Así o decidiu o pleno da corporación. A proposta contou cos votos a favor do Partido Socialista, a edil de Cidadáns e do grupo municipal do Partido Popular, impulsor da moción. Os dous concelleiros de Marea abstivéronse e a maioría do BNG foi suficiente para que a iniciativa fose rexeitada.
O portavoz do Partido Popular, Jacobo Moreira, recriminou os "desprezos" do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ao non asistir ningún representante do goberno local ás festas patronais da Policía Nacional e da Garda Civil nin mostrarlles o seu apoio aos axentes desprazados en Cataluña e por subscribir manifestos en apoio a un "referendo ilegal".
"Nin Lores, nin ningún concelleiro do BNG estiveron presentes nos actos da Constitución, pero si estiveron ese mesmo día man a man sentados cunha persoa condenada por pertenza a unha banda terrorista", engadiu Moreira en referencia á participación da tenente de alcalde, Carme da Silva, nunha charla no País Vasco na que coincidiu con Arnaldo Otegi.
Neste sentido o portavoz popular solicitou ao alcalde que "correxira, rectificara, e pedira disculpas" por iso e que aclarase se esta viaxe pagouse con diñeiro público.
O concelleiro do BNG, César Mosquera, tachou de "despropósito" a insinuación do Partido Popular porque "saben perfectamente que non se gastou nin un euro público nin nesta viaxe nin en ningunha deste tipo que se fixera nunca" e convidou os membros da corporación para contrastar calquera dúbida nas resolucións da Alcaldía.
Mosquera lembrou que todos os cargos do BNG prometeron a Carta Magna "e movémonos dentro do marco da Constitución" pero rexeitou que teñan que "aplaudila todos coas orellas. Vai ser que non" dixo o edil nacionalista lembrando que o Bloque votou en contra da Constitución "como fixo parte de Alianza Popular daquela" e destacou que "estamos en contra dela" por cuestións como "unha institución feudal como é a monarquía" ou do seu carácter "retrógrado" en materia social e territorial.
César Mosquera asegurou que no BNG "non enganamos a ninguén" e chanceou dicindo "o PP foi o único que non se enterou de que somos nacionalistas" polo que rexeitou que o seu grupo vaia a apoiar a Constitución. "Acatarémola, respetarémola e punto", engadiu.
Na réplica o portavoz do PP, Jacobo Moreira indicou que "o que os veciños de Pontevedra teñen que saber é que o seu goberno, o goberno de Lores, además de nacionalista e anticonstitucionalista".
"Gobiernan para todos, para los que les votaron y para los que no y si no aceptan esto siempre les quedará Bruselas", apuntou a concelleira de Cidadáns, María Rey.
Pola súa banda, a concelleira de Marea Pontevedra, Carmen Moreira, xustificou a súa abstención á proposta do PP recriminándolles a súa falta de apoios ás propostas sobre a memoria histórica, ademais sinalou que os actos de aniversario da Constitución "non son inclusivos" porque non representan a todo o arco parlamentario e, por outra banda "non teñen en conta a paridade de xénero que calquera órgano institucional debe ter".
O PSOE non participou neste debate.