Catro días e decenas de coches e motos no primeiro Salón "Arosa Motor"
Por Aitana Vidal
Durante catro días, o recinto feiral de Fexdega será o centro da actividade automobilística nas Rías Baixas grazas á posta en marcha do primeiro salón "Arosa Motor" que contará con once marcas de coches que, nalgúns casos, presentarán novidades no mercado.
A empresa Automaquinor expoñerá unha ampla gama de maquinaria profesional para talleres de automoción, facendo xornadas de mostras para profesionais. Dentro do recinto tamén se poderá ver unha exposición de coches e motos clásicas grazas á cesión de vehículos por parte de empresas, particulares e asociacións como Motos Vellas do Salnés, Clásicos Vilagarcía ou Lambretta Wagarcía.
O salón contará na zona exterior cunha pista de karts. O prezo será de 5 euros para os menores, os adultos terán que pagar dous euros máis. Haberá ademais un kart bipraza para que poidan compartilo pais e fillos.
Os máis pequenos contarán con outras atraccións no exterior relacionadas cos vehículos de catro e dúas rodas. Por tres euros, os nenos poderán gozar toda a tarde destas actividades.
Os horarios de visita serán os xoves e venres de 16 a 21 horas e durante o fin de semana as portas do recinto de Fexdega abriranse ás 11 da mañá e permanecerán abertas ata as nove da noite. As entradas terán un prezo de 2,5 euros para adultos.