Tráfico estrea 14 novas motos con detectores de alcol e drogas incorporados
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Os motoristas do subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra empezarán a patrullar as estradas de Pontevedra a bordo de vehículos máis seguros e equipados que incorporan xa detectores portátiles para a realización de controis de alcol, drogas e velocidade.
A agrupación pontevedresa sumou ao seu parque móbil 14 novos vehículos que xa chegan equipados con estes medios e con outros sistemas como luces led especiais que lle proporcionan maior visibilidade. Todas están dispostas para o seu uso durante a campaña especial de Nadal, que se prolongará ata o 7 de xaneiro de 2018.
O novo coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, Jorge González Veiga, e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz, presentaron oficialmente os vehículos este xoves nas instalacións do instituto armado e explicaron que se trata de 14 vehículos que se utilizarán para as zonas de Pontevedra e O Deza. No resto da provincia xa se renovou o parque móbil hai un ano e medio e considérase que as necesidade están cubertas.
Jorge González Veiga explicou que se trata dunha nova versión dos vehículos que mellora "bastante" ás anteriores e persegue como obxectivos fundamentais dotar de maior seguridade aos axentes de Tráfico que as pilota e tamén "influir en mayor seguridad al resto de los que circulamos por las vías".
Entre as novidades destes novos vehículos destaca que incorporan un pequeno ordenador a bordo que facilita a confección do boletín de denuncia. Ademais, estrean deseño institucional, con predominio de cores de alta visibilidade, especialmente en cor flúor; teñen unha maior cilindrada e potencia; e permiten gardar o casco dentro da maleta e inclúen lanterna con cargador.
Aproveitando a presentación destes vehículos, o coronel fai un chamamento á cidadanía a que, para estas épocas, tome concencia de que "ponerse al volante de un vehículo después de haber consumido alcohol y de haberse drogado es una temeridad".
"Desgraciadamente, las estadísticas imponen que un número elevadísimo de muertos en carretera lo fue como consecuencia (del alcohol) o en las analíticas posteriores tenían exceso de alcohol en sangre", indicou e recomendou que, tras inxerir esta substancia, se utilize transporte público ou se opte por que conduza un acompañante.
A xefa provincial de Tráfico, María Isabel Alonso de Linaje, e o capitán do subsector de Tráfico da Garda Civil en Pontevedra, Leovigildo Villares, acompañaron a Ortiz e González Veiga na presentación oficial. A responsable da DGT destacou que a estas alturas do ano, a falta de tres días para que termine 2017, as cifras de sinistralidade a nivel provincial "son favorables en cuanto a la gravedad" dos accidentes e rexistráronse sete falecidos menos que a estas alturas de 2016 e un 30% menos feridos graves.
Estas 14 motos forman parte das 300 que o Ministerio de Interior distribúe para toda España, 80 para a comunidade galega, cun investimento global de máis de cinco millóns de euros.