VÍDEO.- Doce uvas despois, en Sanxenxo xa celebran o ano novo
Por Redacción
Gorros rosas, chapeus dourados e mesmo perrucas. Sanxenxo volveu celebrar este domingo o seu fin de ano adiantado 12 horas e, ao mediodía, numerosos veciños tomaron as uvas da sorte no medio dun ambiente festivo no que, ademais, a celebración viviuse con disfraces incorporados.
As badaladas soaron coma se, en realidade, fose medianoite e os veciños que acudiron á chamada da Asociación O Cubreiro e o Concello tomáronse as uvas unha a unha ao son do reloxo da Praza Pascual Veiga (fronte ao edificio consistorial). Como ocorre cada Noitevella en cada casa e cada celebración, houbo quen se adelataron ao fin das badaladas e quen se confundiu ou non acabou de tomalas.
A festa, que xa se celebrou en anos anteriores, tiña "a única pretensión de que todos, grandes e pequenos, poidan gozar en familia dun día de festa" e poidan despedir o ano con alegría todos xuntos. Así foi. A alegría non faltou e tampouco a orixinalidade. Pois mesmo houbo quen optou por cambiar as uvas por gominolas.
A festa comezou xa ás 11.30 horas con animación musical a cargo da Charanga San Xinés e quen se foi achegando pola praza xa empezaron a celebración cun photocall no que inmortalizar fotográficamente este último día do ano. Ademais, numerosos locais comerciais da zona sumáronse ao esforzo de que este último día do ano non sexa só un día máis, colaborando para terminar o 2017 ao grande.
Para terminar o festexo, chegou o "acto purificador" da queima dos calendarios de 2017, acción que busca que "os aspectos máis negativos do ano que conclúe váianse co lume e isto contribúa a que 2018 sexa un ano cargado de ilusións e novas esperanzas" para todos.
Actos como o de Sanxenxo reproducíronse este domingo en localidades como Marín ou Cerdedo-Cotobade.