A mellora da estrada de Campelo, pendente da cesión dos terreos
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra entende como unha prioridade a mellora da estrada que une o centro de saúde de Anafáns co núcleo urbano de Campelo. Así llo trasladou o presidente desta administración, Rafael Louzán, ao voceiro popular en Poio, Ángel Moldes, a quen lle anunciou que a Administración provincial está en plena disposición de abordar estas obras no mesmo momento no que o Concello poña a disposición os terreos necesarios para as obras e achegue a parte de financiamento que lle correspondería.
O voceiro popular pedira esta xuntanza co obxectivo, precisamente, de interesarse polas posibilidades de actuar no menor prazo posible na mellora da seguridade viaria nesta estrada, así como para analizar outros investimentos da Deputación no concello de Poio.
Moldes explicoulle ao presidente provincial que a estrada de Campelo "é unha necesidade imperiosa, dado que é unha das poboacións que máis medrou nos últimos anos" e onde é moi necesaria a creación de beirarrúas para garantir a seguridade de condutores e peóns, algo co que o presidente da Deputación se amosou plenamente de acordo.
Louzán incidiu en que estes traballos se realizarían seguindo o mesmo modelo que se aplicou "noutra obra tamén moi relevante realizada en Poio", como é a executada en Besada, no vial que baixa á estrada de Lourido, polo que tan só están pendentes de que o concello cumpra coa súa parte.
OBRAS DE SANEAMENTO
Outro dos temas analizados no encontro foi o estado actual das obras do Plan de Investimentos da Deputación, que se centrarán no saneamento, recollida de pluviais, abastecemento e pavimentación na rúa Oliveira, cun orzamento de 115.523,66 euros, e na posta en marcha da rede de saneamento na Puntada (cun investimento de 73.288,90 euros).
Louzán informou ao voceiro popular que está previsto que en breve saian a licitación as dúas obras, para poder comezalas pronto.