Apertada axenda para os Reis Magos en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
Melchor, Gaspar e Baltasar, como seres máxicos que son, multiplicáronse para atender a todos os compromisos que, na tarde deste venres, tiñan por toda a comarca de Pontevedra. Unha das súas paradas foi Cerdedo-Cotobade.
Ao longo de toda a mañá, os Reis Magos percorreron as trece parroquias do territorio de Cotobade para saudar aos nenos nas súas casas, despois de que as previsións do tempo provocasen a suspensión da tradicional cabalgata.
Tamén acudiron, xa pola tarde, a Cerdedo. A comitiva real visitou a residencia da terceira idade da localidade e, como acto máis multitudinario, protagonizaron unha recepción no salón de actos do colexio San Xoán Bautista.
Neste espazo, os Reis Magos recibiron as cartas dos nenos e entregáronlles xa os primeiros agasallos.
O acto no centro educativo incluíu un espectáculo de animación infantil con cancións e xogos e a habitual degustación de chocolate con rosca para todos os asistentes.