Os populares denuncian a "desastrosa imaxe" amosada con relación ao alumeado do Nadal
Por Redacción
Tras finalizar as festas, o grupo municipal do Partido Popular denuncia a "desastrosa imaxe" amosada con relación ao alumeado do Nadal nas rúas de Pontevedra". Así, este luns, o concelleiro popular César Abal sinalou que "era a nosa responsabilidade non alimentar a polémica que se viviu nestas datas tan sinaladas, pero o sucedido este ano co alumeado de Nadal non pode volver a pasar".
Neste sentido, os populares destacan que o actual problema da iluminación "deriva dun prego técnico pobre, máis propio dunha comisión de festas dunha parroquia que dunha capital de provincia que conta con técnicos especialistas á súa disposición".
"O BNG quixo agochar con denuncias públicas contra a empresa adxudicataria a súa mala praxis e escaso interese na nosa iluminación", manifestou César Abal.
De feito, os populares sinalaron que o goberno de Lores "xa deu instrucións de sacar de novo a concurso este contrato sen corrixir as deficiencias do actual prego".
"Probablemente a empresa non se comportou como debería, pero cos pregos actuais pode darse de novo este problema", dixo o edil popular, quen considera que ante esta situación sería preciso a redacción dun novo prego acorde á nosa realidade. "Un novo prego que defina o que se quere e onde se quere instalar, ademais de permitir aos técnicos municipais acceder ao catálogo de elementos iluminativos e de decoración da empresa adxudicataria con tempo suficiente", puntualizou.
Para os populares, "non é tanto un problema de cartos, senón de vontade, de querer facer as cousas ben". "O goberno local ten que anticiparse, saber os elementos decorativos que se quere instalar e o lugar para despois axustarse ao orzamento oportuno", apuntou Abal quen entende que "nun prego serio non pode figurar un texto tan ambiguo como 'un cono de iluminación navideña no centro da praza' porque logo pasa o que pasa. Unha situación bochornosa que dana a imaxe da nosa cidade".
César Abal, tras consultar con diferentes técnicos municipais, tamén expuxo a posibilidade de "dar entrada a empresas e comercios locais para participar conxuntamente e así poñer en valor a nosa cidade e chegar ao maior número de rúas e barrios".
Relacionadas:
-
O Concello "abrirá a man" para aumentar o "insuficiente" gasto nas luces de Nadal
Por Alejandro Espiño |
-
Unha empresa de Barro porá luz ao Entroido de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Crece o "descontento" do Concello coa empresa da iluminación de Nadal
Por Alejandro Espiño |
-
VÍDEO.- Así arde a iluminación de Nadal
Por Redacción |
-
Tras a polémica, A Ferrería renova o alumeado de Nadal
Por Redacción |