Agustín Fernández non seguirá á fronte do PSdeG-PSOE en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
O actual secretario xeral do PSdeG-PSOE na cidade de Pontevedra, Agustín Fernández, anunciou que non se presentará á reelección. Os socialistas elixirán ao seu novo coordinador o vindeiro xoves 18 de xaneiro.
En declaracións a PontevedraViva, Fernández explicou que se trata dunha decisión que adoptou hai tempo, ao entender que resulta "moi complicado" compatibilizar a xestión orgánica do partido co traballo do grupo municipal.
O dirixente socialista entende que a súa "obrigación" é centrarse no seu labor como concelleiro do concello, á que dedicará a partir de agora "toda a miña enerxía" para que o partido chegue en óptimas condicións ás eleccións municipais de 2019.
Agustín Fernández asegura que acumular os dous cargos -secretario xeral do partido e portavoz do grupo municipal- é "un erro" e apostou porque o PSdeG-PSOE recupere en Pontevedra a tradicional separación de responsabilidades.
Sexa quen sexa o seu sucesor ou a súa sucesora á fronte do partido contará, dixo, "con todo o meu apoio" para que a nova executiva local empece a traballar ao 100% desde o primeiro minuto.
Iso si, Fernández asegura que "non descarto" presentarse ás primarias coas que os socialistas elixirán á súa cabeza de lista para as eleccións municipais de 2019. "Quedan moitos meses e poden pasar moitas cousas", afirma. Mentres tanto, engade, a súa función será "potenciar" o traballo do grupo municipal do PSdeG-PSOE.
Agustín Fernández, secretario xeral desde 2013, sinalou que estivo á fronte do partido na cidade durante catro anos "convulsos e complicados" que foron "difíciles de xestionar". Explica que o proceso de renovación que viviu o PSOE a nivel nacional, xunto coas continuas convocatorias electorais, "impediunos centrarnos no local".
Agora, tras pechar toda esa etapa, é o momento de fortalecer o partido na cidade, engadiu, para afrontar con garantías as eleccións de 2019.
Relacionadas:
-
Maica Larriba, opción dos 'sanchistas' para dirixir o PSdeG-PSOE de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
"Aire fresco" no PSdeG pontevedrés para "dar a batalla" ao PP nas municipais
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
David Regades, novo líder do PSOE na provincia de Pontevedra
Por Diego Torrado & Natalia Puga | Creada e actualizada