O Colexio de Médicos móstrase "moi preocupado" pola situación de colapso nas Urxencias
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Colexio de Médicos de Pontevedra móstrase moi preocupado pola situación de "colapso" que estacionalmente vén ocorrendo nos servizos de Urxencias dos hospitais da rede pública.
Segundo o organismo, a situación é debida á "sobresolicitación de atención médica urxente por parte dos cidadáns" que, de maneira recorrente, vén acontecendo fundamentalmente por causas asociadas a patoloxías respiratorias nestas datas e polo aumento de desprazamentos durante o período estival.
Non é a primeira vez que o Colexio de Médicos de Pontevedra alerta desta circunstancia que estima "é consecuencia dunha falta de adecuación da política de planificación sanitaria da consellería".
Para a organización colexial faise "cada vez máis urxente" afrontar unha reorganización da Atención Primaria, dotando a este chanzo asistencial da capacidade resolutiva que precisa para evitar as esperas nos Centros de Saúde, adecuando os recursos humanos ás necesidades asistenciais e favorecendo o labor dos PACs para axilizar a resposta asistencial e minimizar a drenaxe de pacientes cara aos Servizos de Urxencias Hospitalarios.
O colexio "lamenta" que o proxecto de reordenación da Atención Primaria, que se pretendeu abordar a través das mesas de traballo creadas no ano 2015 coa participación da administración, sociedades científicas de Atención Primaria e colexios de médicos, "non alcanzasen os obxectivos establecidos por falta de vontade política".
DENUNCIAS DE SATSE
O Sindicato de Enfermería, SATSE, en Galicia denunciou os graves problemas aos que se están enfrontando nos últimos días estes profesionais dos servizos de Urxencias, ao rexistrarse un notable incremento da presión asistencial pola incidencia da gripe na poboación "sen que se aumentaron de forma conveniente os persoais".
Hai pacientes en padiolas e cadeiras de rodas polos corredores en lugar de ser ingresados, esperas de resultados superiores ás 48 horas, espazos sen cortinas nin biombos que ofrezan certa intimidade, acompañantes sentados no chan... estas e outras situacións están a vivirse nos hospitais galegos, segundo os testemuños dos profesionais recompilados por SATSE.
Segundo denuncia Satse, no Hospital de Pontevedra, o problema é que "o persoal de Urxencias segue sen reforzarse, mentres que a presión asistencial que sofren é esaxerada". Respecto diso, engaden que se chegaron a rexistrar picos de 115 atencións nunha quenda de sete horas "e se temos en conta que son cinco as enfermeiras que atenden Urxencias, o balance son 23 pacientes urxentes para cada enfermeira".