Aparece o cadáver dun galgo na praia de Lourido
Por Redacción
Os paseantes que aproveitaron esta tarde de sol e se achegaron ata a praia de Lourido víronse sorprendidos pola presenza no areal do cadáver dun can que fora arrastrado pola marea. O seu estado de descomposición era avanzado pero, segundo comentaron membros da Policía autonómica, parecía tratarse dun galgo de pouca idade.
Un particular que se encontraba pola zona chamou ao servizo de emerxencias do 112 e ata a zona desprazáronse dous axentes da Policía autonómica que intentaron identificar ao animal pasándolle o lector do microchip. Non obstante, o intento resultou infrutuoso e sinalaron que ou o can carecía do chip identificativo ou este se desfixera ao ter permanecido durante tempo na auga. Ata a zona achegáronse membros de Protección Civil de Poio que recolleron o cadáver do animal e comentaron ás persoas que se encontraban alí que mañá sería incinerado.
Segundo testemuñas presenciais, o galgo tiña toda a dentadura pero notábase que falecera nunha posición de defensa. Ademais, as patas encontrábanse moi "comidas" e danadas. Un dos axentes da Policía autonómica afirmou que, recentemente, no caso do cadáver doutro can aparecido en Aguete puidera comprobar que as feridas foran realizadas a propósito e por pura diversión.
Dende os colectivos de defensa de animais vénse denunciando a proliferación, nas últimas semanas, de casos de maltrato cara a mascotas.