Poio informa de axudas para a poboación emprendedora
Por Redacción
As concellerías de Promoción Económica e Pesca e Marisqueo de Poio poñen en marcha dous encontros para todas aquelas persoas interesadas en dúas propostas de axudas abertas. Segundo expoñen Gregorio Agís e Consuelo Besada, responsables destas concellerías, estas reunións resultarán de interese para asociacións, particulares, empresas, emprendedores e público en xeral.
Desta forma, o luns 22 de xaneiro vaise impartir a relacionada coas axudas Galp. O xerente do Grupo de Acción Local da Pesca Ría de Pontevedra responderá as dúbidas da veciñanza, mentres que o 29 de xaneiro, o xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra Morrazo explicará as axudas Leader.
As dúas charlas serán ás 20.00 horas no salón de plenos do Concello de Poio. As persoas que queiran consultar calquera dúbida poden poñerse en contacto coas concellerías a través do teléfono 986 77 00 01 ext.1260 ou polo correo electrónico: promocioneconomica@concellopoio.org.
Tamén se anuncia a celebración de dous cursos sobre a temática do marisqueo a pé relacionada coa prevención de riscos laborais e o turismo mariñeiro. Os cursos ofreceranse en febreiro e contarán con 50 e 30 horas de duración. As prazas ofertadas son de 25 persoas por curso. O prazo para inscribirse xa está aberto.