O Partido Socialista consegue que Pontevedra aforre máis de 60.000 euros ao mes
Por Oskar Viéitez
"Coa nosa moción conseguimos que o Concello vaia a aforrar máis de 60.000 euros ao mes. Un aforro total que vai a andar por enriba dos 700.000 euros sen IVE" indicou Tino Fernández, portavoz do grupo municipal do PSOE en Pontevedra.
Os servizos municipais de Intervención, Contratación e a Oficina Técnica de Medio Ambiente emitiron en outubro e novembro pasado informes que lle dan a razón aos concelleiros socialistas: a empresa concesionaria do abastecemento de auga non pode aplicar a variable de amortización de inversións a partir de marzo de 2017.
En febreiro do ano pasado o grupo municipal socialista instou ao goberno local a non abonar as facturas á empresa en tanto non se fixera o desconto correspondente ás amortizacións. Entendían que unha vez rematada a vida ordinaria do contrato non cabía seguir pagando por algo que xa estaba amortizado.
En principio os cálculos dos técnicos elevaban a cantidade por enriba dos 100.000 euros ao mes, pero máis tarde foi aceptada unha alegación da empresa que deixou a cantidade en algo mais de 61.000 euros mensuais.
"É unha mágoa que os socialistas teñamos que advertir estas cousas. Suponse que o goberno debe velar polos intereses dos pontevedreses e non polos dunha empresa privada, porque estamos a falar de moitos cartos" sinalou Tino Fernández.
Para o edil do PSOE esta situación "ven a avalar os síntomas de fin de ciclo e desgoberno que se está a vivir no grupo municipal do BNG". Tino Fernández suliña que "non só non saen adiante proxectos importantes para a cidade senón que non se coidan as contas públicas e se lle regala cartos a unha empresa".
O portavoz do PSOE finalizou mostrando a súa preocupación pola nova concesión do abastecemento de auga, dado que a empresa beneficiada participa nese concurso. "Aos socialistas nos houbera gustado que se estudase a remunicipalizacion do servizo. O BNG negouse. Só espero e confío en que o proceso de adxudicación sexa absolutamente transparente", finalizou dicindo Tino Fernández.