A "nai coraxe" dá a cara, o narcotraficante non
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Non tiñan porque facelo pero, tal e como anunciara, a presidenta de Érguete, Carmen Avendaño, decidiu dar a cara e presentarse este martes no Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Vilagarcía de Arousa pola demanda por presunta vulneración do seu dereito á honra presentada polo narcotraficante Laureano Oubiña, que non acudiu a sala de vistas.
Avendaño, coñecida como unha das "nais coraxe" galegas, ratificouse nas declaracións que realizou ao programa da xornalista Pepa Bueno na Cadena Ser e asegurou que non vai rectificar porque o que dixo naquelas declaracións foi que "este señor sempre se dedicou a cousas ilegais, sen mencionar, en absoluto, ningún tipo doutras drogas".
Oubiña interpuxo a demanda porque entende que Carmen Avendaño afirmou que á parte de haxix tiña traficado con outras drogas.
"Ella conoce que no hay ninguna sentencia de condena por traficar con otras drogas", dixo ante a prensa o avogado de Laureano Oubiña, Gerardo Gayoso. O letrado escusou a ausencia de Oubiña na vista previa en que "no era necesario" e indicou que el acudía coa vontade de retirar a demanda "sin problemas" se Avendaño "reconocía que fue una manifestación equivocada".
Lonxe de rectificar, a presidenta de Érguete, insistiu "Non vou rectificar, reafirmome nas declaracións que fixen".
"Coñézoo de toda a vida e sabemos a que se dedicaba. En ningún momento mencionei a cocaína, a heroína, nin ningún outro tipo de drogas", sinalou Avendaño, quen avanzou que iso mesmo declarará no xuízo o próximo 27 de febreiro, que é a data para a que foi sinalado pola xuíza.
O avogado de Oubiña tamén quixo aclarar que non reclama a Carmen Avendaño unha indemnización de 150.000 euros senón que só pide un euro pero que no caso de que a sentenza ditamine unha indemnización de maior contía "esta sería donada a la asociación San Francisco de Asís de ayuda a los toxicómanos".
A xuíza que leva a causa non admitiu a petición do avogado de Oubiña para que declarase no xuízo como testemuña a xornalista Pepa Bueno e si aceptou a gravación coas manifestacións de Carmen Avendaño como proba de cargo.
Relacionadas:
-
Laureano Oubiña asegura ao xuíz que Carmen Avendaño vulnerou a súa honra
Por Oskar Viéitez |
-
Laureano Oubiña, detido e posto en liberdade pouco despois en Vilagarcía
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
RADIO.- A playlist de..."a matriarca": Carmen Avendaño
Por Marisa Ciordia |
-
Laureano Oubiña reclama 150.000 euros a Carmen Avendaño por unhas supostas inxurias
Por Redacción |