Os elementos de seguridade dos vehículos centran a atención da Policía Local de Poio esta semana
Por Redacción
A infracción máis habitual, constatada pola Policía Local de Poio en febreiro e xuño de 2017, está relacionada coa falta de revisión dos vehículos na ITV. Por este motivo, os axentes de Poio sumáronse á campaña da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) e ao longo desta semana está a revisar os elementos de seguridade dos vehículos. Ademais do permiso de conducir é obrigatorio levar o de circulación do vehículo, ou unha autorización da Xefatura de Tráfico e o cartón da ITV xunto co adhesivo correspondente visible na lúa dianteira.
A idade media do parque automobilístico en Galicia rolda os 13 anos. Este envellecemento dos turismos supón un factor de risco porque os automóbiles de máis idade carecen dos sistemas de seguridade implantados de forma máis recente, segundo apuntan desde a Policía Local de Poio. Engaden que nos turismos de 10 a 15 anos multiplícase por dous o risco de falecer ou de resultar ferido grave en comparación cos automóbiles con menos de cinco anos en caso de producirse un accidente.
Por iso, consideran imprescindible a comprobación regular da profundidade do debuxo dos pneumáticos (o límite legal é de 1,6 milímetros), a súa presión e o estado da roda de reposto. Ademais, as lámpadas deben cambiarse cada dous anos ou cada 40.000 quilómetros, porque a súa intensidade se reduce co uso. Tamén é necesario que se manteñan as ópticas sempre limpas.
Outro dos aspectos que os axentes vixían durante esta semana é que as placas das matrículas se atopan perfectamente lexibles.
Para calquera consulta sobre seguridade viaria coa Policía Local de Poio, o correo de contacto é policialocal@concellodepoio.es e o número de teléfono: 689.575.495.