Marea, PSOE e Cidadáns presentan unha moción conxunta para modificar o pagamento do IBI
Por Diego Espiño
Os grupos municipais de Marea Pontevedra, PSOE e Cidadáns presentaron este venres no rexistro municipal unha moción conxunta que levarán para o seu debate ao Pleno da Corporación.
O texto pactado entre as tres agrupacións busca reformar a recadación do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para beneficiar ás familias numerosas con ingresos reducidos.
"O que queremos é que a partir de 2019 poida fraccionarse o pagamento do IBI no Concello de Pontevedra e que igualmente a modificación potestativa para familias numerosas amplíe a xenerosidade e comprensión con esas familias", explicou o representante de Marea, Luís Rei.
Actualmente as bonificacións ás que poden acceder os cidadáns oscilan entre o 10 e o 30%, pero de saír adiante esta modificación podería chegar ao 90% no caso de familias con ingresos inferiores aos 6.360 euros anuais por membro, mentres que os perciban entre 6.360 e 8.130 euros poderían reclamar un 50% de bonificación.
Ademais na moción inclúese tamén aos inquilinos de vivendas de protección oficial que por contrato deben pagar a contribución.
"Na actualidade as bonificacións que hai para familias numerosas son irrisorias", sinalou a socialista Paloma Castro, mentres que a edil de Cidadáns, María Rey, declarou que "entendemos que en un ayuntamiento que hay superávit los vecinos y las vecinas tienen que empezar a notar en sus bolsillos que hay más dinero".
Esta moción baséase no texto elaborado por Marea modificado coas emendas presentadas polo Partido Socialista e Cidadáns.
Segundo os seus impulsores, a modificación do IBI afectaría directamente a 1.000 familias, ou o que é o mesmo a preto de 5.000 pontevedreses.
Relacionadas:
-
O Concello non aplicará os cambios propostos pola oposición no cobro do IBI
Por Alejandro Espiño |
-
A oposición forza ao goberno local a estudar bonificacións no IBI
Por Alejandro Espiño |
-
O PP de Pontevedra critica a falta de ambición dos concelleiros de Marea, PSOE e Cidadáns
Por Oskar Viéitez |
-
Marea Pontevedra solicita aumentar os prazos para pagar o IBI e a bonificación ás familias numerosas
Por Oskar Viéitez |