As festas patronais de Cuntis buscan un novo organizador
Por Oskar Viéitez
A Asociación Cultural das Festas do Baño comunicou a súa renuncia para seguir organizando as festas patronais de Cuntis. Despois de reunirse co alcalde, Manuel Campos e a concelleira Conchy Campos, entregáronlles un informe no que esta asociación rende contas da organización das festas patronais celebradas os días 15, 16 17 e 18 de agosto do ano 2017 xunto ao seu agradecemento a todos os veciños e empresarios que fixeron achegas económicas para o seu desenvolvemento.
Este pasado ano conseguiron facer as festas e pagar a débeda de 7.000 euros que tiñan do exercicio anterior co seu provedor de orquestras, quedando así as contas "saldadas e claras".
Agora, por unanimidade, a Comisión de festas do Baño decidiu acabar a súa etapa como organizadores das festas patronais e anuncia que non seguirán coa súa actividade para organizar as deste ano 2018 poñendo así fin a unha traxectoria de tres anos á fronte das festas máis importantes do concello de Cuntis.
"Cremos que fixemos as cousas o mellor posible dentro das nosas posibilidades e coa axuda que tivemos, nun momento económico moi complicado, no que os ingresos e a organización non sempre foron como se necesitaban", declararon.
"É o momento de ceder o traballo da organización das festas patronais de agosto a outras organizacións, deixándolle as contas claras", afirmaron.
Tras pedir desculpas polos erros cometidos os membros desta Asociación despídense "cunha gran tristeza" pero coa "esperanza" de que unha nova comisión "continúe dándolle a Cuntis as Festas que merece".