Sanxenxo aprobará a posta a disposición "definitiva" da Xunta dos terreos para o colexio de Vilalonga
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, anunciou que o vindeiro luns día 29 de xaneiro o goberno local levará ao pleno ordinario do Concello a posta a disposición "definitiva" da Xunta de Galicia dos terreos necesarios para a construción do futuro colexio de Vilalonga.
"Por fin estase desatascando o colexio de Vilalonga", afirmou o rexedor popular.
O Concello de Sanxenxo estaba á espera de que o Catastro lle remitise a documentación necesaria para poder inscribir os terreos no rexistro e a continuación cederllos á Consellería de Educación.
Agora será o pleno do Concello quen peche este capítulo para deixar os terreos en mans da Xunta que xa reservou no orzamento do 2018 unha partida de 300.000 euros para a redacción do proxecto de execución do colexio e a licitación do mesmo.
O goberno local calcula que se o proceso de licitación avanza a bo ritmo as obras poderían iniciarse a finais deste mesmo ano ou principios do próximo. Para o 2019, coincidindo coas eleccións municipais, o orzamento da Xunta contempla unha partida de 3.410.000 euros.
Telmo Martín tamén desvelou que o Concello de Sanxenxo presentará á Consellería de Educación no prazo de tres meses un proxecto específico para o colexio Vilalonga que teña en conta que esa contorna acollerá a gardería, o campo de fútbol, o centro de saúde e o centro sociocultural. Entre outras propostas, a idea é que o deseño final do colexio conte cun pavillón de deportes que contemple o seu uso por parte da cidadanía as fins de semana.
O alcalde tranquilizou á veciñanza asegurando que isto non significará que o colexio acumule atrasos.
Telmo Martín tamén informou que o goberno local "estamos a traballar noutro tema importante para Vilalonga" como é "darlle unha solución definitiva ao centro cultural" coa posta en funcionamento desta dotación na única parroquia do municipio que non ten centro cultural propio.
Telmo Martín lembrou que este é un dos compromisos que forman parte do pacto de goberno subscrito polo Partido Popular e SAL.
PORTO DE PORTONOVO
Nun almorzo informativo cos medios de comunicación o alcalde de Sanxenxo tamén anunciou que a estas alturas do mandato municipal e "alcanzada a velocidade de cruceiro" para o actual goberno bipartito é o momento de sacar adiante o proxecto de actuación definitivo no porto de Portonovo.
O Goberno local espera que o primeiro borrador poida coñecerse "antes do verán". O proxecto no que traballa o concelleiro de Infraestruturas, Daniel Fernández, contempla un aparcadoiro, a reordenación do espazo pesqueiro e espazos lúdicos e deportivos.
O obxectivo, segundo Martín, é converter a este espazo no centro neurálxico da vila mariñeira.
Relacionadas:
-
O pleno de Sanxenxo aprobará a posta a disposición definitiva dos terreos do Revel
Por Redacción |
-
Telmo Martín destaca que o compromiso co novo colexio de Vilalonga "agora si que é real e contundente"
Por Oskar Viéitez |
-
Os orzamentos da Xunta inclúen fondos para o novo colexio de Vilalonga
Por Oskar Viéitez |