Proxectada a humanización de Concepción Arenal, entre José Trasende e a rúa Real
Por Redacción
Un total de 208 metros da rúa Concepción Arenal, o tramo comprendido entre José Trasende e a rúa Real de Cantodarea, será humanizado en breve. O Concello de Marín xa ten listo o proxecto para esta actuación, que formará parte dun convenio coa Xunta.
O obxectivo desta actuación é modificar a configuración do espazo, dotando de maior amplitude ás beirarrúas e facilitando así o tránsito peonil.
Ademais, reordenarase a zona de aparcadoiro de vehículos e a área de carga e descarga, para permitir que o tráfico na calzada sexa máis fluído, respectando as indicacións do PXOM e a lei de accesibilidade. Tamén se renovarán os servizos existentes e instalaranse novas dotacións e elementos de mobiliario urbano.
O novo deseño do viario terá un ancho de calzada de 6,20 metros, con dous carrís de 3,10 metros por cada sentido, aos que se suman 2,20 metros máis na marxe esquerda -en sentido de José Trasende a Cantodarea- onde está previsto espazo de estacionamento ou de carga e descarga.
Os anchos de beirarrúa serán variables debido ás aliñacións de fachadas existentes, oscilando entre os 1,94 e os 2,73 metros na marxe dereita e entre os 2,22 e os 5,74 metros na marxe esquerda.
As beirarrúas serán de granito gris e nos pasos de peóns, para diferencialos do pavimento, colocaranse baldosas de formigón vermello. Colocaranse oito papeleiras e tres alcorques de granito, que terán asentos de madeira tratada e árbores ornamentais.
Esta nova configuración obrigará ademais a cambiar de sitio a actual parada de autobús. Renovaranse, por último, os servizos de saneamento de augas pluviais e residuais, abastecemento de auga e iluminación pública e instalarase unha nova rede de rega.
Nos próximos meses procederase á aprobación e licitación do proxecto.
Relacionadas:
-
Un convenio para que a rúa Concepción Arenal sexa "máis cómoda, máis segura e máis humana"
Por Oskar Viéitez |
-
O convenio entre a Xunta e Marín para reformar a PO-546 en Cantodarea ascenderá a 1,3 millóns
Por Redacción |
-
As obras de mellora na rúa José del Río, listas en outono
Por Redacción |
-
Marín conclúe a demolición do edificio entre as rúas Concepción Arenal e A Roda
Por Redacción |
-
Marín e a Xunta ultiman un convenio para remodelar a estrada PO-546 en Cantodarea
Por Oskar Viéitez |