Marín conclúe a demolición do edificio entre as rúas Concepción Arenal e A Roda
Por Redacción
O Concello de Marín xa ten vía libre para culminar a reforma da rúa Concepción Arenal. Esta semana completouse o escollo que lle impedía terminar o proxecto ao demolerse o edificio en ruínas situado na esquina entre esta rúa e A Roda.
A alcaldesa, María Ramallo, destaca que esta actuación, que se desenvolveu na tarde do xoves, foi un momento clave para moitas persoas que ao longo dos últimos anos "ansiaban e solicitaban insistentemente o amaño" da contorna.
O Concello tivo que tramitar un expediente de expropiacion urbanística, e despois de seguir os trámites oportunos, o xoves puido demolelo e ocupar a superficie necesaria para poder aliñar a rúa e dar continuidade á mellora na urbanización que se está executando.
A partir de agora poderá refacerse un muro apropiado, deixando o resto da propiedade para que nalgún momento poida engadirse a algunha das edificacións xa existentes. En relación coa parte pública, o concelleiro de urbanismo, Manuel Santos, dá por finalizados os "trámites administrativos moi farrogosos" que foron necesarios para dar resposta ás peticións veciñais e arrombar un terreo que adoitaba encherse de cascallo, silvas e sucidade en pleno centro de Marín.
A rúa quedará moito máis despexada, limpa e saneada e está previsto que o luns e o martes desta próxima semana se realice o asfaltado. Establecerase un dispositivo de tráfico para evitar ao máximo as inconveniencias e dar vías alternativas de circulación para coches e autobuses.