Máis espazo para uso público na contorna da rúa da Roda
Por Redacción
A actuación de acondicionamento urbano na rúa da Roda chegou á súa fin e o goberno local de María Ramallo considera que se humanizou un novo espazo dotando de máis zona de uso público á praza da Rúa Fondo do Saco.
A obra constaba de dúas fases centradas na rehabilitación das fachadas e na creación dunha área verde de baixo mantemento que permite mellorar a contorna.
Os operarios da empresa encargada destes traballos, Innova do paisaxista José Souto, saneou a pedra con hidrolimpeza nas fachadas para despois encintar a superficie co obxectivo de que mellore a súa imaxe e evitar filtracións de humidade ás vivendas próximas. Posteriormente pintáronse paredes anexas ás fachadas con dous tons area.
A zona verde mantén a liña rústica con acabados en pedra incorporando iluminación e sen que supoña un elevado custo de mantemento. Segundo o Concello de Marín optouse por instalar céspede artificial cun sistema de rega por goteo. Os técnicos sinalan que se trata dunha zona de sombra e o céspede natural acabaría collendo musgo.