O PSOE denuncia que o compost elaborado en Monte Porreiro permanece apilado en bolsas
Por Redacción
O grupo municipal socialista continúa coas súas críticas á xestión do goberno local en relación co traballo coa compostaxe no barrio de Monte Porreiro. A nova crítica, que se suma ás xa realizadas semanas atrás, ten que ver co feito de que o compost elaborado permanece apilado en bolsas ao carón dos composteiros.
"Hai casos nos que leva unha semana e outros nos que xa vai camiño das dúas semanas sen que o concello saiba que facer co compost. É unha situación inadmisible, froito da falla de previsión", critica o portavoz municipal do PSOE, Tino Fernández.
Os socialistas anuncian que presentarán unha solicitude de reunión para que o goberno dea conta da situación que se está a vivir en Monte Porreiro, do destino do compost e dos plans de futuro acerca da implantación en outras zonas do concello.
Tino Fernández indica que esta situacion indigna á veciñanza e critica que "non se pode empezar a casa polo tellado", pois o que está a pasar agora no barrio é que saen á luz as consecuencias da falla dunha folla de ruta clara sobre a implantación da compostaxe.
"O goberno local ten que dar explicacións e buscar solucións. Isto non pode continuar así", engade Tino Fernández, que insiste en que a compostaxe é un asunto moi serio no que non valen as ocorrencias e reitera que os socialistas apostan por un gran pacto que permita avanzar e consolidar este sistema, "dende a racionalidade e a sensatez".
Relacionadas:
-
O PSOE cuestiona o plan de compostaxe para Monte Porreiro
Por Redacción |
-
A nova comisión veciñal de Monte Porreiro presenta un listado cos seus once obxectivos
Por Oskar Viéitez |
-
Profesores de Monte Porreiro recollen sinaturas en defensa da compostaxe
Por Redacción |
-
O PP local reúnese coa recén formada comisión de veciños de Monte Porreiro
Por Oskar Viéitez |