Solidaridade no supermercado: unha nota, un alimento
Por Aitana Vidal
O Supermercado Froiz situado na Praza da Independencia en Vilagarcía de Arousa acolleu durante esta mañá un recital do dúo de saxofón Diego&Lucas dentro da campaña "Unha nota, un alimento" que está organizado polo Conservatorio arousano en beneficio da organización humanitaria Cáritas, vencellada á Igrexa católica.
Durante estas xornadas recolléronse máis de tres carros de supermercado con alimentos non perecedoiros que foron ofrecidos por cidadáns cando saían de facer a súa compra diaria en solidariedade coas persoas que peor estano a pasar nesta crise.
Este venres unha violinista ofrecerá un pequeno recital no supermercado Familia da praza de España. Durante a xornada do sábado a música trasladarase ao Hiperfroiz.
Con esta iniciativa inténtase realizar un labor humanitario ademais de proxectar a calidade musical dos intérpretes que estudan no Conservatorio de Vilagarcía.