O Grove avanza cara a rematar cos problemas de subministro de auga no verán
Por Redacción
O Concello do Grove está a piques de rematar unha das actuacións de maior importancia que se ten realizado na rede de subministración do municipo dende hai moitos anos, a conexión dos depósitos de Paredes e Borreiros, unha das melloras máis necesarias para garantir o subministro, especialmente durante o verán.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, o alcalde, José Antonio Cacabelos, e os concelleiros responsables de obras e da zona rural achegáronse este venres ata as obras que se están acometendo na zona de Paredes.
Desde o Concello destacan que estas obras supoñen un pulmón de osíxeno para os veciños do Grove e para os visitantes, xa que os beneficios da mesma observaranse especialmente no verán, contribuíndo á mellora da atención ao turismo na zona.
Despois da visita, recordaron que hai que remontarse a 2009 para atopar os primeiros pasos deste proxecto, coa instalación dunha arqueta e un bombeo na rúa Xoán XIII como punto de partida para solventar o problema de abastecemento e de presión con que a auga se subministraba ao casco urbano do Grove.
Durante os catro anos seguintes cambiou o goberno local e o executivo actual asegura que durante ese mandato non se adoptou ningún tipo de medida no relativo aos problemas da rede de augas do Grove. Xa en 2015, co novo grupo de goberno, retomouse o proxecto e aproveitáronse as obras acometidas na zona das Caldelas para construír outra das arquetas necesarias, conectando esa zona co tramo de Paredes.
O seguinte paso é o que se está realizando na actualidade. Supón conectar o antigo depósito de Borreiros co depósito de Paredes construído no ano 2008. Ata o de agora cada un deses depósitos dotaba de auga a unha parte do Grove de tal xeito que o de Parades subministraba a meirande parte do casco urbano e o de Borreiros a uns poucos barrios próximos.
A intervención realizada supón poñer en marcha unha conexión en bypass que os converte en "vasos comunicantes". Este feito xa implica garantir unha maior presión de auga no subministro, algo que era un dos problemas máis habituais especialmente na época de verán. O sistema dobre aplicado supón que, no caso de que fallara unha conexión, existe outra adicional creando unha garantía.
A obra realizada contou cun orzamento de case 70.000 euros que, sumados ás actuacións anteriores (2009 e 2015), elevan o proxecto a máis de 110.000 euros.